Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Comezan en Rianxo as Cacharelas Musicais: un ciclo de concertos con billeteira inversa en bares da vila

As primeiras actuacións serán as das bandas Muaré e Café de Pota, este sábado 31 no Roxerius

Integrantes do grupo compostelán Muaré.

Integrantes do grupo compostelán Muaré. / Cedida

Rianxo

As asociacións A Moreniña e Rock in Rian de Rianxo poñen en marcha un proxecto novo: as Cacharelas Musicais, un ciclo de concertos en bares da vila.

As primeiras actuacións terán lugar este sábado 31, pola tarde, no Roxerius. Trátase das bandas Muaré e Café de Pota.

A formación compostelá Muaré, integrada por Sam, Óscar, Martín, Borja, Chiara e Nacho, fai música funk propia. Ten unha proposta atrevida de directo que vai presentar en Rianxo con pezas como Conxo e Deixar de pensar, dous adiantos con videoclips dun novo proxecto que teñen no forno, e que promete poñer os seus seguidores a bailar ao ritmo do funk.

Café de Pota, coa súa atrevida proposta que mestura rock, punk e funk, non deixará a ninguén indiferente. No Rexerius soarán temas como Compromiso social ou Gatillazo.

Haberá un sistema de billeteira inversa: o acceso será libre para todo o mundo, mais á saída do local os asistentes poderán aportar o que queiran nun bote que irá integramente destinado a apoiar os grupos musicais.

Ademáis, terá lugar un Torneo de Tetris en Arcade, con premio para a puntuación máis alta.

O ciclo das Cacharelas Musicais continuará os días 13 e 28 de febreiro co concurso Emerxentes; o 14 de marzo cos concertos de Why Not e The Riggos; o 28 de marzo co concurso Emerxentes; o 24 de abril cos concertos de Farraspa, Pecha a cancela e O'Leo e Arremecághona; e o 9 de maio co concurso Emerxentes. As localizacións iranse dando a coñecer máis adiante.

Tracking Pixel Contents