Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FITUR 2026

Rianxo, cando o mar e a historia dialogan coa paisaxe

A vila barbanzá está fortemente vinculada á tradición mariñeira | Entre as súas fronteiras hai decenas de paisaxes únicos

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, en Fitur. | CEDIDA

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, en Fitur. | CEDIDA

Á beira da ría de Arousa, Rianxo preséntase como un destino cheo de historia, cultura e tradición, un lugar onde o pasado máis remoto convive coa vida mariñeira, a creación literaria e espazos naturais de gran beleza. O municipio destaca pola riqueza dos seus achados prehistóricos, algúns de excepcional valor, como o casco ou cunco de ouro do século VII a.C., unha peza única no noroeste peninsular que se conserva no Museo Arqueolóxico Provincial e que dá mostra da importancia histórica do territorio desde tempos ancestrais.

Ao longo dos séculos, Rianxo foi acumulando vestixios doutras épocas e un amplo legado de lendas populares, entre as que destaca a do Castelo da Lúa. Na actualidade só se conservan as ruínas desta fortaleza, situada na pequena península da Punta do Pazo, que no seu día funcionou como castelo e cárcere. Aínda que o tempo deixou apenas restos de pedra e memoria, o lugar ofrece hoxe unhas vistas privilexiadas sobre a ría e uns solpores de gran beleza, converténdose nun punto moi especial para visitantes e veciñanza.

Un paseo pola zona antiga da vila permite descubrir a esencia de Rianxo a través da súa rúa máis emblemática, onde se suceden escenas da vida cotiá e un patrimonio cultural único. Alí atópanse, aliñadas, as casas de tres figuras fundamentais da literatura galega: Castelao, Rafael Dieste, cuxa vivenda foi rehabilitada como museo, e Manuel Antonio, nacido nun edificio convertido tamén en casa-museo. Este conxunto converte Rianxo nun referente literario de Galicia.

Outro dos elementos singulares do municipio barbanzano é o hórreo máis longo de Galicia, cunha lonxitude de 37 metros e unha característica que o fai aínda máis especial: está construído sobre un muro de cachotería e non sobre pés, como é habitual neste tipo de edificacións tradicionais.

A vida social e comercial segue moi presente en Rianxo grazas ao seu mercado semanal, que se celebra todos os mércores e domingos na praza de Castelao e no Campo de Arriba. A isto súmase o mercado municipal, onde os produtos do mar chegan frescos para ofrecer unha experiencia gastronómica ligada á ría de Arousa e á tradición desta vila tan ligada á tradición mariñeira.

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

Para completar a visita, Rianxo ofrece un contacto directo coa natureza a través do Paseo Fluvial do río Té, que conduce ata a área recreativa de Miráns, ou do paseo marítimo, que une a praia da Torre co peirao de Setefogas. Espazos perfectos para camiñar, descansar e gozar dunha paisaxe que combina río, mar e tranquilidade. Rianxo é, en definitiva, un destino que invita a descubrir a súa historia milenaria, a súa identidade cultural e a súa paisaxe costeira, ofrecendo ao visitante unha experiencia auténtica onde tradición, natureza e memoria camiñan da man.

Tracking Pixel Contents