PLENO
Ribeira incorporará o legado artístico e a biblioteca de Manuel Ayaso
O Concello deberá buscar unha sala para a súa exposición

Un momento do pleno ordinario celebrado o luns en Ribeira. / Cedida
A Corporación de Ribeira acordou iniciar os trámites para facerse co legado artístico e a biblioteca de Manuel Ayaso, fillo predilecto do municipio, mestre universal e embaixador ribeirense. A proposta establece a necesidade, en primeiro lugar, de elaborar os informes técnicos para determinar o valor da obra e, posteriormente, o Concello deberá dispoñer dunha sala para a súa exposición durante os próximos cinco anos.
«Para Ribeira é un motivo de orgullo poder contar coa obra dun artista único como o noso querido Ayaso», apuntou a alcaldesa, María Sampedro, que lembrou que a intención do pintor era que o seu legado permanecese no municipio.
O pleno tamén acordou darlle continuidade ao proxecto Ría de Arousa Accesible, impulsado pola asociación Ambar.
Mesa de peonalización
A alcaldesa confirmou asemade que o Goberno local convocará en febreiro a mesa de peonalización, co obxectivo de abordar, cos diferentes órganos de participación, a posta en marcha de forma conxunta de proxectos que permitan mellorar a accesibilidade.
Por outra banda, na sesión acordouse delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma as competencias relativas á convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos para categorías do corpo de Policía Local.