A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago celebrará este sábado a súa asemblea xeral en Noia
O programa inclúe unha xornada técnica sobre o Camiño da Ría de Muros-Noia e un percorrido por un tramo deste itinerario

Ponte sobre a ría de Noia. / Cedida
A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, unha entidade sen ánimo de lucro formada por peregrinos e especialistas de diferentes países que ten como misión defender e divulgar os valores do Camiño como elemento fundamental do patrimonio cultural europeo, celebrará a súa asemblea xeral de socios este sábado 31 de xaneiro no Casino de Noia. No encontro participarán socios chegados de España, Portugal, Estados Unidos e Hungría, entre outros países.
Paralelamente, a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia colaborará coa entidade na organización de distintas actividades abertas á participación de toda a veciñanza. O tesoureiro da Asociación e alcalde de Noia, Francisco Pérez, será o encargado de dar a benvida aos socios da fraternidade, aos que presentará o certificado Portus Apostoli para peregrinos ás 12.00 horas no Casino.
Quince minutos despois terá lugar a conferencia Camino Muros-Noia a Santiago, da man de Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago. Pombo, autor da primeira guía desta ruta xacobea, porá en valor que o Camiño da Ría de Muros-Noia é un camiño cun perfil suave, con fermosas paisaxes mariñeiras e rurais, ideal para quen busca unha experiencia xacobea auténtica, tranquila e sen aglomeracións.
Ás 13.00 horas celebrarse unha mesa redonda sobre o presente e futuro do Camiño da Ría de Muros-Noia moderado por Luís Menéndez, xornalista, peregrino e socio fundador da FICS.
Visita a Noia
Como non podía ser doutro xeito, a expedición terá tempo para comprobar sobre o terreo todo o comentado nestas conferencias. Así, ás 17.00 horas do sábado 31 de xaneiro terá lugar unha visita guiada á vila de Noia, o Portus Apostoli compostelán e cun casco histórico moi ben conservado. Ademais, a expedición achegarase a coñecer as instalacións do albergue de peregrinos da Chaínza, que se agarda que pode comezar a prestar servizo ao longo de 2026.
Ás 21.00 horas, os membros da FICS participarán nunha cea ofrecida pola asociación Ría da Estrela.
Finalmente, o domingo 1 de febreiro terá lugar unha marcha-paseo por un tramo do Camiño da Ría de Muros-Noia aínda por determinar, dependendo do estado das alertas que se sucedan cara ao fin de semana a causa dos temporais.
A visita da FICS é un novo respaldo ao Camiño da Ría de Muros-Noia, que se suma ao xa expresado por partida dobre pola Academia Xacobea, nos anos 2023 e 2025. A FICS é unha entidade con máis de 30 anos que ten como misión defender e divulgar os valores do Camiño e garantir a súa conservación e transmisión nas mellores condicións a futuras xeracións. Reúne peregrinos e especialistas de diferentes países que comparten coñecementos e esforzos para impulsar un proxecto solidario e fraterno que protexa o Camiño e o seu patrimonio. Na actualidade xestionan tres albergues: Nájera (A Rioxa), Canfranc (Huesca) e Grado (Asturias).
- Adiós a la lluvia: Galicia se prepara para dejar en casa los paraguas y pone fecha a la vuelta del sol
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo
- Estos son todos los cortes de tráfico por el desfile de Carnaval de este martes en Santiago
- Un restaurante de Santiago conquista la alta cocina y suma su primer Tres Soles Repsol: 'Ha construido un universo propio
- Rodada en Santiago y ambientada en el Entroido gallego: así es la nueva película que llega a Prime Video
- Martiño Noriega, ex alcalde de Santiago, y su noche especial de concierto en pleno Entroido
- La autora de la novela de la que todo el mundo habla viene a Santiago esta semana
- Los residentes rechazan el sentido único en la rúa do Rego para evitar rodear O Milladoiro