Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello de Boiro cédelle a Ambar un inmoble para habilitar vivendas inclusivas

O proxecto busca garantir o benestar e a autonomía das persoas con diversidade funcional

Milagros Rey recibe de José Ramón Romero as chaves dun dos inmobles das antigas vivendas dos mestres de Praia Xardín.

Milagros Rey recibe de José Ramón Romero as chaves dun dos inmobles das antigas vivendas dos mestres de Praia Xardín. / Cedida

Boiro

O Concello de Boiro e a asociación de persoas con diversidade funcional Ambar deron este mércores un paso definitivo cara a inclusión social coa formalización do convenio de cesión dun dos inmobles das antigas vivendas dos mestres de Praia Xardín.

O alcalde, José Ramón Romero, fixo entrega oficial das chaves a Milagros Rey, presidenta de Ambar, marcando o inicio dun proxecto que transformará este espazo nun "ecosistema de vivendas inclusivas e servizos de apoio á vida en comunidade".

O proxecto non só recupera unha zona degradada, senón que se suma á iniciativa que xa desenvolve Agadea na contorna, consolidando o inmoble de Praia Xardín como un referente de usos sociais e benestar.

O alcalde felicitou a entidade pola iniciativa, destacando que contribúe a "dar unha segunda vida a estes inmobles cun uso social moi necesario" e reafirmou o compromiso do Goberno local por seguir humanizando a zona.

Este novo espazo non nace simplemente como unha infraestrutura residencial, senón como un fogar deseñado para garantir o benestar, a dignidade e a plena autonomía das persoas con diversidade funcional. O proxecto fundaméntase no modelo de vivendas inclusivas, permitindo que as persoas usuarias poidan desenvolver o seu proxecto de vida na comunidade e nunha contorna privilexiada.

Alianza pola inclusión

Dende Ambar quixeron destacar a importancia da colaboración institucional para facer realidade este tipo de avances sociais. "Imos poñer a funcionar un servizo que as familias levan demandando anos", explicou Milagros Rey. "Este espazo non é só un edificio; é unha oportunidade real para seguir impulsando a independencia das persoas nunha contorna comunitaria", engadiu.

Tracking Pixel Contents