Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ignacio Martínez Mendizábal, codirector do equipo de Atapuerca, abrirá o Encontro Arqueolóxico do Barbanza

Celebrarase os días 28 de febreiro e 1 de marzo no Pazo de Goiáns, en Boiro

María Outeiral, esquerda, e Vanesa Lago, na presentación do encontro.

María Outeiral, esquerda, e Vanesa Lago, na presentación do encontro. / Cedida

Boiro

O Pazo de Goiáns (Boiro) acollerá os vindeiros días 28 de febreiro e 1 de marzo o XIX Encontro Arqueolóxico do Barbanza, unha cita referente na materia a nivel nacional. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou o programa xunto coa arqueóloga municipal, Vanesa Lago.

Estas xornadas manteñen o obxectivo de dar a coñecer os resultados dos traballos arqueolóxicos feitos no Barbanza, así como investigacións feitas noutras partes de Galicia, do territorio nacional e a nivel internacional.

O programa inclúe 11 conferencias, nas que van participar 14 investigadores. Ademais das xornadas, os días 7 e 8 de marzo faranse visitas guiadas ao Mosteiro de San Xoán de Poio, á Illa de Tambo e ao xacemento da Corte do Santo, na Pobra.

Para asistir é precisa a inscrición previa, que se pode facer en modalidade libre ou certificada, para estudantes e docentes da USC.

O sábado 28, a conferencia inaugural (ás 11.00 horas) correrá a cargo de Ignacio Martínez Mendizábal (codirector do equipo de Atapuerca) e leva por título Cuatro décadas de excavaciones e investigaciones en la Sima de los Huesos. A continuación, ás 12.45, Antonio Salas (catedrático de Medicina da USC) impartirá o relatorio Genes que cuentan historias: huellas africanas en la Galicia actual que datan de la Gallaecia antigua. Xa pola tarde, ás 17.00, será a quenda do investigador Mario Ramos, coa conferencia Pistomarcos na Alta Idade Media: da descomposición do estado romano á xénese do feudalismo.

Media hora despois, as arqueólogas María Elena Taboada e Nerea Vilariño falarán das escavacións en Meira (Moaña).

Ás 18.00 horas, o investigador David García Casas disertará sobre A arqueoloxía das paisaxes gandeiras na Serra do Suído: rabaños, chozos e comunidades rurais na época moderna (Fornelo de Montes). Unha hora despois, o investigador Hugo Bal García falará da subsistencia e biodiversidade nas serras orientais de Galicia no pleistoceno superior.

Ás 19.30, os investigadores José Ramón Rabuñal e Diego Lombao e o profesor de Prehistoria Mikel Díaz-Rodríguez darán a coñecer as novas investigacións nos xacementos prehistóricos de Cova do Santo (Pardollán) e A Pena Xiboi (Parga), e ás 20.00, a investigadora Jadranka Verdonkschot impartirá a conferencia Reconstruyendo el paisaje megalítico de la Serra do Barbanza: resultados preliminares de recientes trabajos de campo.

Xa o día 1, intervirán as investigadoras María José Iriarte Chiapusso, para falar das sociedades prehistóricas do norte peninsular ante un entorno cambiante; Aroa García Suárez, sobre comunidades neolíticas de Turquía; e Sara Garcês, sobre a arte rupestre do complexo do Vale do Tejo e do Vale de Ocreza.

Tracking Pixel Contents