Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP de Noia di que a "nula xestión" do Goberno local reduce os investimentos en máis de 1,3 millóns

Critica a "paralización" do proxecto do centro de día e que "non se destina nin un euro aos centros educativos"

Santiago Freire, flanqueado polas edís do PP Laura Salgado, esquerda, e Beatriz Rosende.

Santiago Freire, flanqueado polas edís do PP Laura Salgado, esquerda, e Beatriz Rosende. / Cedida

Noia

O PP de Noia non apoiará a proposta de orzamentos do Goberno municipal para 2026, que califica como "un dos máis prexudiciais do que vai de século para os veciños e veciñas".

Segundo o porravoz municipal do PP, Santiago Freire, "reducen drasticamente o investimento, incrementan as taxas municipais e demostran a nula capacidade de xestión de PSOE e BNG, o que se traduce na paralización de proxectos fundamentais para Noia, como o centro de día para maiores da Chaínza".

Freire sinala que “os orzamentos de 2026 supoñen unha caída do 60% do investimento: dos 2,2 millóns de euros aprobados polo meu equipo de Goberno nos anteriores orzamentos aos 872.771 euros do PSOE e Marea Cidadá, co aplauso do BNG. As cifras son as que son, por moito que logo se fagan discursos grandilocuentes e propaganda”.

Para Freire, as contas "poñen de manifesto a incapacidade do alcalde e do tenente alcalde para xestionar calquera tipo de axuda ou proxecto relevante para Noia diante doutras administracións".

"Fronte á propaganda, visitas para sacarse a foto e cortinas de fume do Goberno municipal, as súas propias cifras demostran o que levamos denunciando dende o primeiro día: a súa nula capacidade para xestionar nada en favor dos veciños e veciñas de Noia", dixo.

Para os populares, "os únicos investimentos que están perfectamente detallados son aqueles que xa deixara xestionados o Goberno presidido por Santiago Freire, como son os 182.770 euros da reposición do pavimento en Sobreviñas, unha pavimentación en Eiroa, a mellora do sistema de filtración de auga na piscina municipal, a mellora da pavimentación na rúa Pintor Francisco Ceo, e a reparación do pozo principal de bombeo de Abruiñeiras".

Engaden que "non se contempla ningunha actuación na rúa Outonil, que é prioritaria e para a que o anterior goberno xa tiña aprobado un estudo de detalle coas novas rasantes e o seu acondicionamento".

“Non hai ningún proxecto relevante que supoña un modelo innovador ou unha aposta de futuro para Noia. Todo son propostas de pequenas actuacións para desenvolver a través deses contratos menores que tanto criticaban PSOE e Marea Cidadá cando estaban na oposición”, lamenta Freire.

O voceiro e presidente local do PP lamenta tamén que o Goberno trate de "enganar" a veciñanza á hora de valorar estes orzamentos de 2026. “O BNG fala de investimento sen precedentes e do pacto da auga sacando peito por partidas de 480.000 euros en saneamento e 127.000 para abastecemento, cando o noso goberno conseguiu 3 millóns de euros para a depuradora e 1,2 millóns de euros para a potabilizadora, ademais de numerosos investimentos todos os anos".

“Marea Cidadá presume de que nunca se investiron tantos recursos propios en servizos esenciais e priorizar os servizos básicos. Pois nin a educación nin a terceira idade deben estar entre os intereses do tenente de alcalde, porque nestes orzamentos non se recolle nin un euro para os centros educativos municipais nin para o centro de día para maiores na Chaínza, o que demostra que tiñamos razón cando diciamos que o PSOE decidiu por motivos políticos paralizar esta importante infraestrutura para a terceira idade que ía ser cofinanciada pola Xunta de Galicia, xa que non puido cubrir a achega municipal”, lamenta o voceiro municipal do PP.

Finalmente, Freire sinala que “no orzamento de 2026 non hai consignación orzamentaria para aplicar a Relación de Postos de Traballo do Concello de Noia, argumento utilizado polo concelleiro tránsfuga para non apoiar os orzamentos de 2024, pasarse primeiro ao grupo mixto e apoiar a moción de censura despois. Agora que o PSOE e Marea Cidadá fixeron exactamente o mesmo, vai actuar da mesma forma? Se é coherente con todo o que leva dito debería votar en contra destas contas este xoves. Imos ter un tránsfuga dobre?”, sinalou en alusión ao edil non adscrito Luis Alamancos.

Ademais, Santiago Freire sinala que a liquidación do orzamento de 2024, que se aprobará na mesma sesión, "demostra que o meu goberno cumpriu o principio de estabilidade orzamentaria, que deixou un superávit orzamentario e un significativo remanente de Tesourería, así como un período medio de pago a provedores dentro dos límites establecidos pola lexislación".

“Os números son teimudos, pero demostran que non había ningunha razón real para a moción de censura máis alá dos intereses persoais dalgunhas persoas, que iniciaron unha campaña de desprestixio e difamación cun único obxectivo: quítate ti para poñerme eu”, conclúe o voceiro popular.

Tracking Pixel Contents