Lousame oficializa o 18 de marzo como Día de Zernadas de Castro
O Concello impulsa así a candidatura do Cura de Fruíme para o Día das Letras Galegas de 2027

Busto de Zernadas de Castro instalado en Lousame. / Cedida
A Corporación municipal de Lousame aprobou por unanimidade establecer de forma institucional como Día de Zernadas de Castro o 18 de marzo, data do nacemento do Cura de Fruíme. É a primeira iniciativa dentro da programación deseñada para a promoción da candidatura de Diego Antonio Zernadas de Castro como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027, co gallo dos 250 anos do seu pasamento.
A encargada de dar lectura á proposta foi a presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, Ermitas Lorenzo, en recoñecemento ao traballo realizado por esta entidade nas últimas décadas en favor da figura do Cura de Fruíme.
Na proposta sinálase que “o ano 2027 é unha nova oportunidade para reivindicar a figura do Cura de Fruíme, a referencia cultural máis representativa de Lousame”. Neste sentido, faise fincapé en que “Zernadas foi o primeiro precursor do galeguismo; dous anos antes de Rosalía xa el escribía os seus versos na defensa de Galicia e, nunha época tan convulsa como os Séculos Escuros, loitou pola dignificación de Galicia, da súa cultura e da súa lingua. A súa palabra alzouse sempre contra os menosprezos e inxustizas que aldraxaban a nosa terra nun tempo de silencios”.
A valía do literato foi respaldada por escritores, xornalistas e historiadores de todas as épocas: Neira de Mosquera, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Murguía, Xosé Lois García, Xosé Manuel Rivas Troitiño, Xulio Pardo de Neyra, Xosé A. Fernández Salgado, Rita Peinado, Xosé Pumar Gándara...
O Concello de Lousame xa propuxo esta candidatura no ano 1993 e o Club de Xornalistas Galegos en Madrid fixo o propio en 2002. Dende entón, o Concello de Lousame, en colaboración coa asociación Zernadas de Castro, leva traballando e poñendo en valor a vida e obra de Zernadas de Castro.
Nesa liña, colocouse un busto fronte á igrexa de San Martiño de Fruíme, publicáronse libros de toda a obra literaria e poemario en galego do autor, producíronse videopoemas, adquiríronse esculturas e cadros de Zernadas, impartíronse conferencias, fixéronse exposicións, musicalizáronse poemas, etc.
O alcalde, Esteban Ares, comprometeuse a que o 18 de marzo será festivo local a partir de 2027, toda vez que os festivos deste ano xa están aprobados. Ademais, o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG para a creación dunha comisión de seguimento do programa de actividades para a promoción da candidatura de Zernadas de Castro. Contará coa colaboración da Asociación de Veciños Zernadas de Castro.
Por outra banda, o pleno aprobou a eliminación das asignacións aos grupos políticos municipais. Ao entrar en vigor o orzamento de 2026, o pleno tivo que deixar sen efecto o acordo do 12 de xullo de 2023 no que se establecían ditas asignacións. Esas contías dedicaranse a financiar o Programa de Fomento da Natalidade.
O BNG abstívose e non fixo uso da palabra, mentres que o PSOE cambiou a súa abstención inicial polo voto a favor tras confirmar que os cartos das asignacións non serán dedicados a outros fins.
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- La Deputación da Coruña licita por 1,12 millones la adquisición de un inmueble para su sede en Santiago
- Augas de Galicia sanciona al Concello de Santiago con 300.000 euros tras mediciones en el río Sar
- El bar a 20 minutos de Santiago donde Netflix rodó una de sus series más vistas: 'Fue una experiencia flipante
- Aumenta la división sindical por el conflicto de los autobuses tras la última reunión mediadora
- El aeropuerto de Santiago pierde uno de cada tres pasajeros con respecto al año pasado