A Estrada e Rianxo estreitarán lazos en torno a Castelao e Virxina Pereira selando un irmandamento
Os alcaldes Gonzalo Louzao e Julián Bustelo anunciaron o acordo na homanaxe ao galeguista celebrada na vila rianxeira
O Concello estradense prepara os actos do Ano Cultural dedicado á muller do autor

Julián Bustelo, esquerda, e Gonzalo Louzao, co acordo para promover un irmandamento entre Rianxo e A Estrada en torno a Castelao e Virxinia Pereira. / Cedida
O subdelegado do Goberno, Julio Abalde, participou este sábado no acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao organizado polo Concello de Rianxo con motivo do 140 aniversario do seu nacemento.
Ao acto asistiron tamén o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o deputado provincial Antonio Leira; e os alcaldes de Rianxo, Julián Bustelo, e A Estrada, Gonzalo Louzao. Celebrouse na vila natal do intelectual rianxeiro e serviu para poñer en valor unha das figuras máis relevantes da historia cultural e política de Galicia.
Julio Abalde definiu a Castelao como “un galego profundamente comprometido co seu tempo e coa súa xente, cuxa obra segue sendo plenamente actual”, e destacou que o seu legado continúa ofrecendo claves para entender a Galicia de hoxe.
O subdelegado puxo especial énfase no papel de Castelao na defensa e dignificación da lingua galega, lembrando que “nun momento no que o galego estaba relegado dos espazos públicos, Castelao demostrou que era unha lingua válida para a creación, para o pensamento e para a expresión política”.
Nese sentido, subliñou que a súa achega foi determinante para consolidar o galego como un piar esencial da identidade colectiva.
Abalde referiuse tamén á dimensión política do intelectual rianxeiro, destacando o seu compromiso co galeguismo, co autogoberno e cos valores democráticos. “Mesmo desde o exilio, Castelao nunca deixou de pensar Galicia nin de defendela”, afirmou, lembrando que a súa traxectoria política estivo sempre vencellada á defensa da dignidade do pobo galego.

Pola esquerda, Antonio Leira, Julián Bustelo, Miguel Anxo Seixas, Julio Abalde e Valentín García, na ofrenda floral ante o busto de Castelao. / Cedida
Pola súa banda, Antonio Leira subliñou que "Castelao foi “a conciencia moral de Galicia, unha figura que transcendeu o ámbito artístico e político para converterse nun referente ético e colectivo do país. A través da súa obra literaria, artística e do seu pensamento, soubo retratar coma ninguén a alma do noso pobo: as dores, as esperanzas, a dignidade e tamén a retranca”.
O representante da Deputación destacou tamén a defensa firme e constante da lingua galega por parte de Castelao, lembrando que entendía a lingua como “a nosa maneira de sentir e de estar no mundo” e como un elemento esencial para garantir o futuro de Galicia como pobo.
Leira puxo en valor, ademais, o papel de Castelao durante o exilio, cando “desde lonxe mantivo acesa a chama da galeguidade, converténdose nun referente moral para unha Galicia que resistía dentro e fóra das súas fronteiras”.
Antono Leira afirmou que "o legado de Castelao segue hoxe plenamente vixente, xa que representa valores que continúan unindo á sociedade galega: a defensa da lingua e da cultura propias, a xustiza social, a liberdade e a dignidade colectiva".
Nos actos, que, ademais das intervencións do Pazo do Martelo, incluíron unha ofrenda floral ante o busto de Castelao, no Paseo da Ribeira, e a presentación dun cadro doado á Fundación Castelao polo artista Fernando Yáñez, os alcaldes de Rianxo, Julián Bustelo, e A Estrada, Gonzalo Louzao, anunciaron a súa intención de oficializar un irmandamento entre os dous concellos, que teñen como nexo común ao rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e á súa dona, a estradense Virxinia Pereira Renda.
O pano de fondo do anuncio foi un cartel no que, de xeito intencionado, o rostro de Virxinia Pereira destacaba sobre o de Castelao, en primeiro plano.
“Estes dous municipios, un de interior e da provincia de Pontevedra, outro de costa e na da Coruña, danse hoxe a man como irmáns, unidos pola que foi unha parella transcendental para a historia de Galicia e para a galeguidade”, dixo o mandatario estradense, asumindo que a este simbólico paso terán agora que dar continuidade os correspondentes acordos plenarios nos dous municipios e o trámite administrativo e oficial que comportan este tipo de expedientes de irmandade.
Tras sinalar que os actos celebrados este mes en Rianxo dan continuidade neste 2026 ao Ano Castelao que se conmemorou en Galicia enteira ao longo de 2025, Gonzalo Louzao puxo o acento en que “na Estrada, este universo Castelao terá tamén moita presenza e continuidade en 2026 a través do Ano Cultural Virxinia Pereira, a estradense que o insigne galeguista escolleu como compañeira de vida, de alegrías, sufrimentos e tamén do profundo amor por Galicia e pola nosa lingua”.
“Na Estrada estamos convencidos de que non temos que pensar que a grandeza de Virxinia estivese detrás da de Castelao, porque ela estaba ao seu carón. Virxinia estaba á par de Castelao sempre. Foi a súa compañeira de vida e de loita, sendo fiel ao seu compromiso e ideais, tamén cando el xa non estaba”, apuntou.
Gonzalo Louzao lembrou o forte vínculo que Castelao tiña coa Estrada. “Mocearon e casaron na Estrada, onde paisaxes e patrimonio deixaron pegada na obra do autor. Tamén na Estrada, no cemiterio de Figueiroa, descansan Virxinia e Xesús, o único fillo do matrimonio. No marco deste Ano Cultural a nosa idea é que unha escultura lembre a esta familia nun lugar que leva un nome que non podía ser máis axeitado para eles: a Praza de Galicia”, dixo.
Pola súa banda, Julián Bustelo dixo que "Castelao non é pasado; é presente e é futuro. O seu legado segue vivo e é misión nosa, daqueles que recoñecemos na súa obra unha guía da nosa conduta cívica e política, garantir que chegue tamén ás vindeiras xeracións".
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- Buscan a un vecino de Carballo que está desaparecido desde el viernes
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
- Despliegue de la Guardia Civil en Teo por un presunto caso de evasión de impuestos
- Menú de 8 euros y ambiente futbolero: así es el bar de Santiago que triunfa entre los estudiantes
- Cocido para miles en Lalín y cuatro vuelos desde Afganistán para el pregonero Diego Rivas
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La huelga de buses se reactiva el miércoles de forma indefinida en Santiago