Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG de Ribeira pide analizar a vaga de roubos no municipio e reforzar a seguridade

Solicita unha reunión con todos os grupos da Corporación e representantes de Garda Civil, Policía Local e Policía Nacional

Os edís Cruz Rivadulla e Luís Pérez e o responsable local do BNG de Ribeira, Rafa Pazos.

Os edís Cruz Rivadulla e Luís Pérez e o responsable local do BNG de Ribeira, Rafa Pazos. / Cedida

Ribeira

O BNG de Ribeira expresou a súa preocupación ante a vaga de roubos que se vén producindo nas últimas semanas no municipio e que está a causar importantes danos en vehículos e comercios, xerando sensación de inseguridade entre a veciñanza e o tecido económico local.

A formación propuxo a convocatoria dunha reunión na que participen todos os grupos da Corporación municipal xunto coas forzas e corpos de seguridade, coa finalidade de analizar a situación actual e estudar medidas que permitan atallar esta problemática dun xeito efectivo.

"Durante o paso do BNG polo Goberno municipal realizouse un incremento importante de axentes para reforzar a seguridade, completando o 100% das prazas da Policía Local ata acadar os 27 membros en activo, aos que se suman 12 auxiliares, así como a consecución dun novo vehículo policial cun investimento de máis de 40.000 €", sinala o portavoz do BNG, Luís Pérez.

Un avance que, segundo explica, "permitiu mellorar os recursos dispoñibles, pero que non resulta suficiente polo que debe continuar o traballo de reforzo, especialmente no que respecta aos efectivos e medios da Comisaría de Policía Nacional".

Ao mesmo tempo, considera imprescindible reforzar os medios humanos e materiais destinados á seguridade, e en particular, que na Comisaría de Ribeira existan efectivos policiais dedicados especificamente á loita contra o tráfico de estupefacientes.

TEMAS

Tracking Pixel Contents