Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MARISQUEO

O BNG demanda actuacións urxentes para paliar a mortaldade de berberecho en Noia

Propón regular o baleirado dos encoros e crear un seguro para cubrir as perdas

A deputada Rosana Pérez e o concelleiro Ricardo Suárez, en Noia.

A deputada Rosana Pérez e o concelleiro Ricardo Suárez, en Noia. / BNG

Noia

O BNG rexistrou unha serie de iniciativas no Parlamento galego para demandar "actuacións urxentes" á Xunta para paliar a mortaldade masiva de berberechos na ría de Muros e Noia.

As persistentes choivas dos últimos meses e a baixa salinidade da auga provocada polas treboadas, "están a xerar imaxes impactantes nos bancos marisqueiros, provocando que os traballadores e traballadoras do mar estean alerta", subliñan dende o BNG.

Berberecho muerto en los bancos marisqueros de la ría de Muros-Noia.

Berberecho muerto en los bancos marisqueros de la ría de Muros-Noia. / Cedida

Segundo as mostras realizadas pola Confraría de Noia, a mortaldade do berberecho sitúase entre o 70% e o 80%, "unha cifra alarmante que deixa ao sector marisqueiro nunha enorme situación de preocupación", engaden.

Subliñan que este novo episodio prodúcese nun contexto especialmente delicado, cando o sector aínda sofre as consecuencias das choivas e riadas do ano 2023, e cando a recuperación dos bivalvos segue sen ser unha realidade.

Atendendo a esta eiva, o BNG rexistrou unha batería de preguntas no Parlamento para coñecer cal é o grao real de implicación do Goberno galego "ante este grave problema que afecta a toda a ría de Muros-Noia".

A iniciativa presentada pola deputada Rosana Pérez, ten como obxectivo instar á Consellaría do Mar "a actuar de maneira inmediata para evitar consecuencias nefastas para a produtividade da ría, moitas delas evitábeis e que levan anos castigando ao sector".

Falta de apoio e orzamento

Aseguran dende o BNG que o sector marisqueiro "leva tempo denunciando a falta de apoio, orzamento, estudos e actuacións firmes por parte do Goberno galego". Porén, considera que a Consellaría do Mar debe facer fronte con tódolos medios a esta situación de adversidade meteorolóxica cada vez máis frecuente.

O grupo parlamentario do BNG lembra que medidas como a regulación do baleirado e limpeza dos encoros, a posta en marcha dun seguro colectivo para cubrir as perdas económicas ou o desenvolvemento de proxectos de semente de moluscos foron propostas pola formación nacionalista "e rexeitadas polo PP, ou que malia a seren aprobadas, nunca se levaron a cabo".

As políticas que a Consellaría do Mar asegura ter posto en marcha, engaden, "non se traduciron nin na recuperación da produtividade, nin no aumento dos postos de traballo, pero nin sequera no mantemento dos existentes".

Por todo isto, o BNG insta á Xunta a "asumir as súas competencias e adoptar medidas urxentes e eficaces para garantir o futuro do sector marisqueiro fronte o desleixo sistemático ao sector".

Tracking Pixel Contents