Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PLENO

Ribeira adica 900.000 euros do POS a investimentos e servizos básicos

O BNG acusa ao goberno de deixar fóra "actuacións clave"

Sesión plenaria en Ribeira.

Sesión plenaria en Ribeira. / Concello de Ribeira

Ribeira

O pleno de Ribeira aprobou, de xeito unánime, a proposta para a súa participación no Plan Único de Concellos POS+ 2026 da Deputación da Coruña, polo que o concello recibirá 1.305.833,84 euros.

A proposta aprobada conta con investimentos en todas as parroquias, elexidos "coa participación cidadá, a través da enquisa formulada, a escoita activa dos concelleiros nas parroquias, a necesidade e o equilibrio e a repercusión no interese público", segundo sinalou a alcaldesa, María Sampedro.

O Concello adicará a "investimentos necesarios" máis de 900.000 euros, contando tamén co POS complementario "porque as nosas parroquias son importantes e imos chegar a todas elas", subliñou a rexedora.

Máis de 800.000 € a gasto corrente

A proposta foi completada coa aprobación de 805.000 euros que se destinarán a gasto corrente "co fin de dar cobertura a obrigas económicas como o incremento dos contratos de servizos, actualizacións nos salarios do persoal, servizos prestados desde o eido municipal e mesmo cumprir a obriga co Plan Económico Financeiro que herdamos do anterior alcald", engadiu.

As obras incluídas no POS son a nova pista polideportiva descuberta no colexio de Olveira, a pavimentación e instalación de servizos no Camiño do Carballal, a instalación de rede de pluviais entre Outeiro e Viñanova, a renovación do parque infantil na Rúa Torreiro, a pavimentación de varios camiños (Meixe e Lixó, entre outros) na parroquia de Oleiros, a pavimentación e abastecemento en Pedriñas e Lomba, a pavimentación e instalación de rede de pluviais na rúa Mosqueiros en Castiñeiras, a reforma da antiga Casa de Cultura de Carreira, e a pavimentación e renovación de servizos na rúa Serriño, de Aguiño.

Sampedro indicou que a proposta do goberno "redundará nunha mellora notable de servizos" e, de xeito paralelo, o executivo seguirá acometendo obras de mellora necesarias tanto con fondos propios como con cargo a subvencións de outras administracións. "A nosa líña de actuación é a de seguir traballando para dar resposta, no menor tempo posible, ás demandas dos ribeirenses. Ese é o noso compromiso con todos eles", afirmou.

O BNG pide máis investimentos

O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, sinalou que calquera investimento nas parroquias é necesario e benvido, "xa que Ribeira precisa seguir mellorando servizos básicos, infraestruturas e espazos públicos".

Ao mesmo tempo, destacou que esta proposta confirma que a política municipal impulsada polo BNG cando estivo no goberno "era a correcta. Por moito que nos criticaran, hoxe vese que priorizar pavimentacións, ampliar o saneamento e a auga potable, coidar os espazos públicos e os parques infantís era responder ao que pedía a veciñanza", indicou.

Luís Pérez valorou positivamente que algunhas das propostas son as mesmas que defende o Bloque, pero botou en falta "investimentos clave" como a extensión do saneamento e da auga potable en Oleiros, Palmeira e Aguiño, ou a pavimentación de vías principais como a Avenida de Ferrol ou a rúa Barreiro.

"O PP deixa fóra moitas obras de saneamento ou dotación de auga potable en parroquias que teñen vivendas sen estes servizos ou asfaltados moi necesarios nas estradas de Ribeira que están moi deterioradas por décadas de falta de investimentos por gastar o PP os recursos en obras que dispararon o seu prezo".

Coherencia coas necesidades

Pola súa banda, a alcaldesa sinalou que “sabemos que poderían existir outras tantas propostas de obras para acometer, mais temos que ser coherentes coas necesidades que máis se demandan e que poderán solucionar máis problemas, como é o caso da parroquia de Artes".

María Sampedro lembrou ao voceiro do BNG que "vostede nin inventou a pólvora nin inventou o POS, e, por sorte, os saneamentos, os abastecementos e as pavimentacións chegaron a Ribeira moito antes que vostede".

Obradoiro de emprego

Por outra banda, o pleno ratificou de xeito unánime a solicitude conxunta co Concello de Porto do Son para financiar o Obradoiro de Emprego Tahume XI, que formará 20 veciños e veciños de ambos concellos.

As modalidades elixidas para o programa deste ano son as de traballos de carpintaría e moble e a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Segundo indicou a alcaldesa "repetimos a iniciativa exitosa con dúas especialidades que contan con moita demanda, e que busca fomentar a formación poñendo ao seu dispor ferramentas que faciliten a inserción laboral de persoas dos nosos municipios".

TEMAS

Tracking Pixel Contents