XORNADAS
A Pobra dá visibilidade ás mulleres científicas
Do 9 ao 13 de febreiro haberá actividades para todos os públicos

A concelleira Estefanía Ramos, á dereita, na presentación das xornadas. / Cedida
As Xornadas Muller e Ciencia da Pobra do Caramiñal chegan este ano á súa décimo primeira edición, consolidándose coma un referente para a divulgación científica e a visibilización do traballo das mulleres da contorna.
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, resaltou que o obxectivo é chegar a todas as idades "creando referentes femininos e combatendo os estereotipos de xénero dende as primeiras etapas educativas" sen esquecer "a todos os veciños e veciñas que poidan estar interesadas nas diferentes propostas científicas que achegamos".
Seguindo esta liña, deseñáronse actividades específicas para os centros de infantil, primaria e a veciñanza adulta que se levarán a cabo do 9 ao 13 de febreiro.
Contacontos con monicreques
Nos centros educativos de infantil desenvolverase un contacontos interpretado con monicreques que van achegar ás máis pequenas e pequenos a vida e investigacións da primatóloga Jane Goodall e da pioneira Xoaquina García ‘A Ghaxola’, orixinaria de Porto do Son e inventora do material hidrófugo co que elaborou o primeiro traxe de augas confeccionado con liño e impermeabilizado con varias capas de aceite. Un traxe que estaba deseñado para protexer a saúde dos homes que ían traballar ao mar.
Os alumnos de cuarto de primaria participarán nunhas xornadas e obradoiros prácticos cos que poderán experimentar por si mesmos, facendo ciencia en primeira persoa. Levarán a cabo experimentos sinxelos con electricidade estática, densidade de líquidos e reaccións químicas básicas. Ademais, tamén se dará a coñecer a figura da Ghaxola.
Intervención de Elena Vázquez
O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o 11 de febreiro, vaise retransmitir en liña, ás 16.30 horas, a intervención de Elena Vázquez Abal, matemática da USC e divulgadora científica cuxo labor de investigación está centrado na xeometría diferencial, que foi presidenta da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME) e recibiu galardóns como o Premio de Divulgación Científica 2024 da Real Academia Galega de Ciencias ou o primeiro premio de Divulgación Científica da USC.
Todas aquelas persoas que queiran participar de forma activa poderán facelo a través dunha ligazón que será publicada con nas redes sociais do Concello. Ademais, a intervención quedará aloxada na canle de YouTube municipal.
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
- Una spin-off finlandesa situada a 3.000 kilómetros de Santiago monta el nuevo superordenador cuántico para el Cesga: 'Será uno de los más potentes de Europa
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores