MARISQUEO
As confrarías da ría de Muros-Noia esixen regular o baleirado do encoro do Tambre
Demandan "diálogo" a Augas de Galicia e Naturgy para atallar a mortandade de marisco

Marisco morto na ría de Muros - Noia. / Cedida
Os patróns maiores e representantes das confrarías de Muros, Noia, Portosín e Porto do Son instan a Augas de Galicia e á empresa Naturgy Generación a "ordenar as actuacións de enchido e baleirado" da presa do Tambre, e adoptar "actuacións encamiñadas a evitar riscos" para o sector marisqueiro, logo dun novo episodio de alta mortandade do berberecho.
Así o acordaron nunha xuntanza na que o patrón maior de Noia, Santiago Cruz, deu conta da avaliación do estado do recurso realizada o pasado mércores, na que se detectou "unha alta mortandade na zona intermareal, especialmente do berberecho".

Marisco morto na ría de Muros - Noia. / Cedida
Dende as confrarías da ría de Muros-Noia aseguran que "se pon de manifesto a importancia e a incidencia do baleirado do encoro Barrié de la Maza (Tambre) no estado dos recursos marisqueiros".
Subliñan que "é unha reclamación histórica do sector, que se estableza un protocolo de baleirado que teña en conta a actividade marisqueira especialmente na desembocadura da ría". Piden ademais que se notifique "coa debida antelación por parte da empresa titular da xestión do encoro, e que se teña en conta, á hora do baleirado, o estado das mareas, xa que nesta ría gran parte dos bancos marisqueiros na baixamar quedan totalmente expostos e especialmente vulnerables".

As catas cifran a mortadande do berberecho en preto do 80%. / Cedida
Sinalan que Naturgy Generación fai un uso do encoro "estritamente comercial, atendendo unicamente á obtención do máximo lucro, sen ter en conta a actividade marisqueira e pesqueira na ría de Muros-Noia, onde preto de 1.500 persoas marisquean e en ocasións ven perigar a súa seguridade ante episodios de baleirado en baixamar, en moitas ocasións sen previo aviso, e nunca directamente ás confrarías afectadas".
Lembran que, ao longo do tempo, foron numerosas as ocasións nas que as confrarías reclamaron "unha convivencia entre os intereses comerciais da empresa e a xente do mar, previndo baleirados graduais do encoro, con maior incidencia nos episodios de preamar".
Perigo para os mariscadores
Estas reclamacións, engaden, "seguen sen ser escoitadas pola empresa, poñendo en perigo en ocasións a vida das persoas mariscadoras que están a traballar".
Por iso, instan a Augas de Galicia, "ante a falta de colaboración e disposición a mellorar as súas actuacións por parte de Naturgy Generación", a que en función do artigo 21.6 do Decreto 32/2012 de 12 de Xaneiro polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial, "ordene as actuacións de enchido e baleirado".
Información detallada
As confrarías solicitan tamén copia do informe de Naturgy sobre o baleirado remitido á Consellería do Mar, para o seu estudo e valoración. Queren información detallada (horarios, volume, etc.) sobre ditas actuacións nos últimos anos por parte da empresa, así como de inversións en mantemento, mellora de canles e de calidade de auga, informes de sedimentos acumulados e do plan de emerxencia.
Fan ademais "un chamamento ao titular do encoro e a Augas de Galicia para que ao través do diálogo se logre mellorar a xestión, especialmente nos períodos de baleirado".
Salinidade en mínimos
O sector marisqueiro asegura que, cando os baleirados do encoro do Tambre coinciden coa baixamar o índice de salinidade redúcese a practicamente cero, por exceso de auga doce, o que provoca a mortandade dos bivalvos.
Así, nos bancos nos que faenan os mariscadores a pé morreu entre un 70 e un 80 por cento do berberecho, segundo as catas realizadas pola confraría de Noia. Pola contra, nas zonas de marisqueo a flote a situación é moito mellor, xa que as perdas de recurso sitúanse entre o 15 e o 20%.
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- El juicio por el nombramiento ilegal de la junta directiva del Compostela queda pendiente de Borja Iglesias
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Galicia activa alertas por nieve, viento y lluvia: las precipitaciones pueden superar los 40 litros por metro cuadrado