Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MAR

Xunta e confrarías únense na procura de solucións para o sector marisqueiro

A directora xeral amósase receptiva coa petición do protocolo de baleirado do encoro

A directora xeral cos patróns maiores e representantes das catro confrarías en Noia.

A directora xeral cos patróns maiores e representantes das catro confrarías en Noia. / X. G.

Noia

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo unha reunión cos patróns maiores das confrarías de Noia, Muros, Porto do Son e Portosín co obxectivo de analizar a situación actual dos bancos marisqueiros da zona e avanzar na procura conxunta de solucións adaptadas ás necesidades do sector.

A responsable autonómica trasladou o compromiso do Goberno galego de continuar co contacto permanente cos profesionais do mar para coñecer de primeira man a evolución do recurso e valorar as actuacións que poidan contribuír á súa recuperación e sustentabilidade.

Explicou que a Consellería do Mar está a realizar un «seguimento exhaustivo» da evolución dos bancos a través dos sistemas de monitorización ambiental cos que conta a comunidade, que permiten analizar parámetros como a salinidade, temperatura, pH ou outras variables que inflúen na supervivencia e desenvolvemento dos moluscos bivalvos.

Avaliación contínua

Este control técnico complétase co traballo do persoal investigador e dos servizos técnicos da Administración autonómica, que están avaliando, de maneira continua, a situación para anticipar posibles riscos e adoptar, de ser necesario, as medidas máis axeitadas para garantir a viabilidade do recurso e a actividade marisqueira.

Pola súa banda, a confraría de Noia fará o vindeiro martes novas catas para avaliar o estado dos bivalvos, segundo confirmou o secretario do pósito, Adelo Freire. As mostras tomadas a semana pasada detectaron mortandades do 80% do berberecho nos bancos de mariqueo a pé, «e a situación seguro que empeorou porque chove sobre mollado», engadiu.

Regulación da presa

Na reunión tamén abordaron a demanda das catro confrarías para que a Xunta, a través de Augas de Galicia, esixa á empresa Naturgy un protocolo de baleirado do encoro do Tambre, de xeito que evacúe menor cantidade de auga durante a baixamar co fin de evitar baixadas drásticas dos índices de salinidade, o que provoca grandes mortandades do marisco.

A este respecto, Adelo Freire, sinalou que a directora «amosouse receptiva á nosa demanda e dixo que non será fácil, pero que hai que seguir reclamando porque a empresa tense que facer responsable duns baleirados doutro xeito».

Ademais, os catro pósitos solicitaron unha reunión na que participe a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e tamén representantes de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente.

Tracking Pixel Contents