Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

En marcha as melloras do vial que conecta os núcleos lousamiáns de Pousada e Carantoña

A Deputación da Coruña financia tamén con case 164.000 € a renovación do céspede artificial do campo de Cabanetán

Esteban Ares e Valentín González, segundo e terceiro pola esquerda, este xoves en Lousame.

Esteban Ares e Valentín González, segundo e terceiro pola esquerda, este xoves en Lousame. / Cedida

Lousame

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este xoves unha visita institucional a Lousame, onde supervisou co alcalde, Esteban Ares, as obras de renovación da estrada que conecta os núcleos de Pousada e Carantoña, uns traballos nos que se investiron 50.245 euros con cargo ao Plan Único (POS+).

Formoso salientou a importancia deste programa para os concellos da provincia e lembrou que, dos máis de 13 millóns de euros que a Deputación leva investidos en Lousame na última década, 6,7 millóns corresponden ao Plan Único, que permitiu executar 55 obras no municipio e financiar numerosos servizos públicos.

O presidente destacou que a maior parte das actuacións aprobadas por Lousame con fondos do POS+ destináronse á mellora de estradas e camiños municipais no rural das distintas parroquias, contribuíndo a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza.

O presidente destacou que “o Plan Único é a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos. Permite que cada municipio decida con autonomía onde investir os recursos, dá aos concellos estabilidade orzamentaria e garante investimentos sostidos no tempo".

"Grazas ao POS+, concellos como Lousame poden planificar obras e servizos que melloran de forma directa a calidade de vida da veciñanza", engadiu.

Por outra banda, Valentín González e Esteban Ares asinaron o convenio de colaboración para executar as obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol municipal de Cabanetán, que contan cun orzamento total de 204.781,14 euros.

A Deputación achegará 163.824,91 euros, o 80% do investimento, mentres que a Xunta asume o importe restante.

O proxecto permitirá substituír o actual céspede artificial, que presenta un elevado desgaste polo uso continuado da instalación, por un novo pavimento deportivo de última xeración, homologado segundo a normativa vixente e adaptado ás esixencias actuais da práctica do fútbol.

As obras inclúen a retirada do equipamento existente, o levantamento do céspede actual, a limpeza das canles perimetrais de drenaxe e a instalación dun novo céspede que cumpre coa norma UNE-EN 15330-1 e conta coa certificación FIFA Quality Pro, ademais da colocación de novos banderíns regulamentarios.

Valentín González Formoso destacou que esta actuación permite mellorar unha infraestrutura moi utilizada polos clubs e pola veciñanza, garantindo condicións axeitadas de seguridade e calidade para a práctica deportiva. O presidente subliñou que a colaboración cos concellos é unha prioridade para a Deputación, especialmente na mellora das instalacións municipais.

Pola súa banda, Esteban Ares agradeceu a visita do presidente ao municipio e o apoio económico que lle presta a institución provincial e sinalou que a renovación do campo é unha actuación necesaria para manter a actividade deportiva en condicións óptimas.

TEMAS

Tracking Pixel Contents