Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta renovará os pavimentos de madeira de pasarelas, pantaláns e fingers do porto da Barquiña, en Outes

A actuación encádrase nun proxecto que contempla tamén melloras en instalacións portuarias de Muxía, Muros, Ribeira e A Pobra, entre outras

Marta Villaverde conversando con Francisco Calo no porto da Barquiña.

Marta Villaverde conversando con Francisco Calo no porto da Barquiña. / Cedida

Outes

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou este sábado no porto da Barquiña, en Outes, o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira desta instalación. Trátase dunha actuación enmarcada nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa en licitación por importe de 640.000 euros.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e polo alcalde de Outes, Francisco Calo, explicou o alcance destas actuacións, que beneficiarán o porto da Barquiña, así como os de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.

A conselleira dixo que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.

En concreto, no porto da Barquiña actuarase sobre o conxunto das instalacións flotantes, incluíndo o pantalán e as pasarelas fixa e articulada. Esta actuación dará servizo tanto ás embarcacións profesionais como deportivas que desenvolven actividade neste peirao.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou accidente. Ademais, quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.

Edificio náutico do Freixo

Durante a súa visita a Outes, a conselleira do Mar anunciou tamén que Portos de Galicia outorgou esta mesma semana unha concesión a favor do Concello de Outes para a xestión do edificio de servizos náuticos do porto do Freixo.

Deste xeito, a administración local recuperará a xestión deste inmoble no que Portos de Galicia investiu 500.000 euros para dotar esta dársena dunha instalación que facilite e promova a práctica de deportes náuticos.

Tal como recolle a lei, a concesión contará cunha bonificación do 100% das taxas pola ocupación do solo portuario dadas as actividades que acollerá e a súa xestión por parte doutra administración pública.

Tracking Pixel Contents