Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Boiro homenaxeará oito fusilados cun ciclo de charlas e un monumento

As xornadas serán o 21 no Pazo de Goiáns

José Ramón Romero e Goretti Sanmartín inaugurarán o memorial o día 22 en Boisaca

José Ramón Romero, terceiro pola esquerda, con membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.

José Ramón Romero, terceiro pola esquerda, con membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza. / Cedida

Boiro

O Concello de Boiro colabora coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza na organización, os días 21 e 22 de febreiro, dunhas xornadas en homenaxe a boirenses fusilados.

As xornadas inauguraranse o sábado 21 ás 11.00 horas no Pazo de Goiáns. Antonio Míguez impartirá a charla A represión franquista en Boiro e na comarca do Barbanza (1936-1939) e Xosé Deira e Rocío L. Yáñez, a titulada As vítimas boirenses de Boisaca: biografías e contexto histórico.

Logo dun diálogo con familiares das vítimas e investigadores locais realizarase un roteiro polos lugares da memoria histórica de Boiro. O acto central de homenaxe terá lugar o domingo día 22 no cemiterio de Boisaca, ás 12.00 horas, coa inauguración dun monumento memorial e unha ofenda floral na que participarán o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañados dos familiares das vítimas e de varios membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

«Trátase dunha xornada en memoria concreta de vidas truncadas pola represión franquista», sinalan dende a Comisión.

Cos actos organizados renderase homenaxe a Rodrígo Álvares Gantes, Braulio Castro Gallardo, Ramón Lojo Agrelo, José Maceiras Vilasó, Santiago Miranda Lago, Juan Outeiral Outeiral, Juan Bautista Torrado e Gerardo Piñeiro Piñeiro.

«Os fusilamentos de veciños de Boiro no cemiterio de Boisaca constitúen un dos episodios máis significativos da represión franquista exercida contra a sociedade civil do Barbanza durante a Guerra Civil», sinala a entidade.

O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu o traballo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza «para a organización deste acto de xustiza e recordo aos boirenses fusilados e recordar de onde vimos, porque é a única maneira de que non volva acontecer».

Tracking Pixel Contents