Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Outes acollerá o Retiro Semente, no que vinte persoas compartirán os seus proxectos para fortalecer o rural

O encontro celebrarase os días 20 e 21 de febreiro no Pazo do Tambre

Participantes na pasada edición do Retiro Semente, celebrada en Dodro.

Participantes na pasada edición do Retiro Semente, celebrada en Dodro. / Cedida

Outes

O rural galego vive un momento de profunda transformación e precisa novas formas de colaboración e gobernanza que poñan as persoas e o territorio no centro. Nese contexto, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) impulsan a segunda edición do Retiro Semente, que terá lugar os días 20 e 21 de febreiro no Pazo do Tambre, en Outes.

Este encontro, enmarcado no programa Territorio Emprende, está promovido polo Grupo Semente, un colectivo de 16 persoas que, de forma voluntaria, leva cinco anos de traxectoria promovendo ferramentas de innovación social que revivan tradicións e busquen novas formas de gobernanza no territorio.

Territorio Emprende está concibido como un espazo de cocreación, ideación colectiva e participación comunitaria. O Retiro Semente reunirá ao longo de dous días 20 persoas voluntarias de diversas disciplinas, que compartirán coa veciñanza os proxectos de impacto local que están a desenvolver para fortalecer o rural galego.

Ademais, durante o retiro presentarase a Carta de Gobernanza do Grupo Semente, un documento que recolle principios, metodoloxías e compromisos coa rexeneración do territorio.

Baixo o lema O fogón e a foliada das alianzas, esta segunda edición do retiro procura abrir o proceso de traballo á comunidade, enriquecendo e validando as propostas que xorden no marco do programa.

O obxectivo é garantir que as iniciativas respondan ás necesidades reais da contorna e contribúan a fortalecer o tecido social, cultural e económico do rural.

A primeira xornada, o venres 20 de febreiro, iniciarase coa benvida de Eva Curto (EOI) e dos integrantes do Grupo Semente, seguida dunha sesión de enraizamento musical da folclorista Julia Pozo, orientada a conectar coa identidade e a paisaxe cultural do territorio.

A continuación, a arquitecta e doutora Teresa Táboas liderará a conversa Territorios que se defenden, centrada na reflexión sobre modelos de protección e desenvolvemento territorial.

O día pecharase cun cinefórum, concibido para activar a conciencia colectiva e abrir un espazo de debate sobre os retos actuais das comunidades rurais.

Durante a segunda xornada, o 21 de febreiro, incluirase un laboratorio de ideas e custodia do territorio, no que as persoas participantes presentarán os seus proxectos nun diálogo aberto coa veciñanza. De seguido intervirá Joám Evans (Fundación Montescola), quen abordará as claves para emprender desde a custodia do territorio, nunha conversa moderada por Ovidio Queiruga, membro do Grupo Semente.

O encontro culminará cun acto simbólico de pactos de custodia, que selará o compromiso colectivo co futuro do rural. O peche estará a cargo de Margarita Fraga, directora técnica do laboratorio Cultigar e membro activa do Grupo Semente, quen ofrecerá unha mirada de ciencia e conciencia ao proceso.

O Retiro Semente constitúe unha oportunidade para escoitar, dialogar e participar nunha nova maneira de pensar e habitar o territorio. Ademais, as propostas que xorden en Territorio Emprende aliméntanse da sabedoría popular, da memoria comunitaria e do apoio mutuo.

A asistencia é aberta e gratuíta, con prazas limitadas, previa inscrición na web da Fundación Paideia Galiza.O programa está organizado pola Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial, e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus.

Tracking Pixel Contents