Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do Campo pasa revista en Noia ás principais demandas do Concello

A delegada da Xunta comprometeuse a facer un seguimento para que Costas do Estado autorice o punto de vertido de áridos para dragar o porto de Testal

Pola esquerda, Francisco Pérez, Belén do Campo e Manuel  Seijas.

Pola esquerda, Francisco Pérez, Belén do Campo e Manuel Seijas. / Cedida

Noia

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo a primeira reunión institucional co alcalde de Noia, Francisco Pérez, nun encontro no que abordaron as principais necesidades do municipio.

Durante a xuntanza, o rexedor trasladoulle diversas peticións relacionadas coa mellora de infraestruturas viarias, o acondicionamento de estradas e pasos de peóns e a mellora de firmes.

Algunhas destas actuacións xa foran demandadas pola anterior Corporación e executadas nos últimos anos pola Xunta. A delegada comprometeuse a revisar as novas solicitudes e a analizar as necesidades xurdidas, especialmente as derivadas das inclemencias meteorolóxicas.

No encontro, no que participou tamén o tenente de alcalde, Manuel Seijas, tratáronse igualmente demandas nos ámbitos educativo, social e sanitario, algunhas delas xa comprometidas tamén co anterior Goberno municipal. Belén do Campo amosou a disposición do Goberno galego a colaborar co Concello para dar resposta ás prioridades do municipio.

A representante autonómica agradeceu, ademais, a vontade do Goberno local para que o Concello continúe adherido ao convenio da Xunta para a prevención e defensa contra incendios mediante brigadas, motobombas e material mecanizado, ao tempo que recolleu novas demandas neste eido.

En relación con temas portuarios a delegada recolleu as súas propostas, xa tratadas co presidente de Portos de Galicia. Ademais, en relación coa dragaxe do porto de Testal comprometeuse a facer un seguimento para que Costas do Estado autorice o punto de vertido de áridos.

Finalmente, Belén do Campo tomou nota da oferta de cesión, ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, dunha parcela para a construción de vivendas protexidas, ao abeiro do acordo aprobado por unanimidade no pleno municipal.

A delegada destacou a importancia da colaboración institucional co Concello para avanzar en proxectos que redunden na mellora da calidade de vida da veciñanza de Noia.

Tracking Pixel Contents