O comité da planta de residuos de Lousame di que o envío de lixo a Sogama incumpre a normativa europea
Denuncian que a basura chega mesturada a Cerceda
Temen polo futuro dos 60 traballadores e estudan mobilizacións

Representantes sindicais e do comité de empresa da planta de tratamento de residuos de Lousame. / Cedida
Representantes das centrais sindicais e do comité de empresa da planta de tratamento de residuos de Lousame compareceron este xoves en rolda de prensa para informar da situación laboral tras a finalización da actividade nas instalacións da Mancomunidade Serra do Barbanza e denunciar que a decisión de enviar os residuos dos concellos da entidade ao complexo de Sogama "incumpre a normativa europea, xa que chega todo mesturado ás instalacións de Cerceda".
“Na planta xa non entra lixo dende o 1 de xaneiro de 2026”, sinalou Paulo Rubido, membro da Executiva Confederal da CIG, quen lembrou que as instalacións viñan arrastrando unha situación complexa derivada da directriz europea que determinou o modelo húmido-seco como non válido para o tratamento de residuos sólidos urbanos. "Iso agravou outras problemáticas previas como o financiamento, a falta de previsión da propia Mancomunidade, o avellentamento das instalacións, o colmatado do vertedoiro, etc.", dixo.
“Ao final non se buscou outra solución que derivar o lixo que se trataba en Lousame ás instalacións de Sogama, propiedade da administración autonómica”, engadiu. Neste contexto, Rubido fixo un balanzo de responsabilidades, sinalando en primeiro lugar á Mancomunidade do Barbanza, encabezada polo alcalde de Brión en calidade de actual presidente, “xa que con esta decisión, optou por desentenderse da planta para quitar o problema de diante”.
Rubido lembrou que a Mancomunidade deixou claro que a súa prioridade é sacar adiante a licitación do servizo de recollida de maneira separada á xestión da planta de Lousame, cuxo concurso venceu hai xa dous anos. “Nas comunicacións co comité, o presidente da Mancomunidade falou de adaptar a planta ao novo escenario, de buscar unha funcionalidade que, ademais, ocupe as 60 persoas que traballan nela, pero sen concretar absolutamente nada”, criticou Rubido.
O representante da CIG puxo a atención tamén na conselleira de Medio Ambiente “que se dedicou a saír nos medios sinalando que a existencia da planta de Lousame era unha anomalía á que se poñía fin e anunciando os problemas das instalacións como unha vitoria do modelo Sogama". "Moi pouco di da conselleira que para validar o modelo de Sogama teña que falar do fracaso doutros modelos”, engadiu.
Asimesmo, rexeitou que se aborde a problemática de Lousame en termos de vitoria política e non atendendo á solución que a planta debera ter e denunciou que a decisión de derivar o lixo a Sogama incumpre as directrices estabelecidas pola Unión Europea, "xa que na planta de Lousame os residuos seleccionábanse, tratábanse e separábanse, e agora non, porque os camións que recollen o lixo na Mancomunidade depositan os diferentes tipos de residuos no mesmo contedor e van para as instalacións de Sogama sen separar para ser incinerados alí, é dicir, incumprindo o funcionamento da propia Sogama”.
Tamén cualificou de “estafa” á cidadanía o que acontece, "xa que a xente separa nas súas casas, deposita as bolsas no contedor correspondente, e os camións recollen cada tipo de residuo por separad, pero logo botan todo xunto na empacadora de Compostela, dende onde se trasladarán os refugallos a Sogama”.
"Hai 60 empregos en risco"
Rubido adiantou que o comité promoverá iniciativas para que se aborde no Parlamento galego "este grave incumprimento" e para que se busquen solucións alternativas que garantan a viabilidade dos 60 postos de traballo directos que xera a planta "e cuxo futuro está no aire".
Paulo Rubido subliñou que estes empregos están de xeito maioritario ocupados por mulleres e nunha comarca "con escasas alternativas laborais".
“O comité de empresa non acepta que se destrúan postos de traballo desta maneira, que se opte por un modelo de xestión que significa ignorar a normativa e non realizar ningún proceso de selección, e seguirá a loitar pola defensa dos empregos”, aseverou o representante da CIG.
Neste sentido, o comité adiantou que estuda convocar mobilizacións e instou a recuperar a actividade na planta de Servia e que o traslado do lixo a Sogama se limite ao rexeite, “pero non ao conxunto do lixo para permitir que se faga a selección conforme establecen os criterios da UE”.
- Sirat', del gallego Óliver Laxe, suma un premio clave en su camino a los Premios Oscar 2026
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Pescadores y cazadores gallegos podrán usar la licencia interautonómica en diez comunidades a partir de 2026
- Muere Antón Louro, figura clave del PSdeG en la llegada de Touriño al poder
- El precio de la gasolina se desboca en Santiago y rompe la barrera de los 2 euros el litro
- Crujeiras, primera rectora de Galicia, consolidó su triunfo entre el profesorado: Flores solo la superó en cuatro facultades
- La ola de robos señala por error a una repartidora en Teo: 'Por favor, non me insultedes cando me vexades