Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O espazo de 'coworking' de Boiro suma dous novos proxectos empresariais

Trátase dun negocio de elaboración de aceite de oliva artesanal e unha firma que presta soporte administrativo a empresas e autónomos

José Ramón Romero, segundo pola esquerda, cos 'coworkers' do Lab Barbanza.

José Ramón Romero, segundo pola esquerda, cos 'coworkers' do Lab Barbanza. / Cedida

Boiro

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Comercio, Formación e Emprego, Roberto Lojo, mantiveron un encontro cos coworkers do Lab Barbanza para dar a benvida ás novas incorporacións ao espazo e planificar as accións a desenvolver durante o ano 2026.

Na xuntanza presentáronse aos dous novos proxectos emprendedores que están a desenvolver a súa actividade no Lab Barbanza: unha empresa de elaboración de aceite de oliva artesanal e outra que presta soporte administrativo para empresas e autónomos.

Ademais, o encontro serviu para a posta en común da actividade que están a desenvolver os outros coworkers e crear posibles sinerxías entre usuarios do espazo e levar a cabo actividades e proxectos en común.

Outro dos puntos tratados na xuntanza foi a planificación de actividades de dinamización e promoción do espazo durante o ano 2026 e que contan coa colaboración dos proxectos emprendedores albergados no espazo.

“Cada vez máis este centro estase a converter nun lugar de referencia para o emprego e o emprendemento e queremos seguir desenvolvendo propostas e actividades que contribúan á xeración de emprego”, afirmou o alcalde.

O espazo coworking Lab Barbanza do Concello de Boiro forma parte da Rede de espazos de traballo colaborativo da Deputación da Coruña. Está situado no Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento do polígono de Espiñeira, un espazo multidisciplinar no que se desenvolven actividades formativas de diversa índole.

Tracking Pixel Contents