Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A alcaldesa de Ribeira sae "decepcionada" da Xunta Local de Seguridade: "Boas palabras"

Julio Abalde di que os recentes roubos en casas e vehículos xeraron "un aumento subxectivo de inseguridade"

Julio Abalde e María Sampedro, copresidindo a Xunta Local de Seguridade de Ribeira.

Julio Abalde e María Sampedro, copresidindo a Xunta Local de Seguridade de Ribeira. / Cedida

Ribeira

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu este xoves a Xunta Local de Seguridade de Ribeira xunto coa alcaldesa, María Sampedro. Durante a reunión avaliouse a situación actual da seguridade cidadá no concello, así como a coordinación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e a Policía Local, a seguridade viaria e de tráfico no termo municipal, e o estado das actuacións en materia de violencia de xénero.

No encontro, subliñouse a importancia de manter unha coordinación fluída entre os distintos corpos para garantir unha resposta eficaz ante as necesidades da veciñanza, reforzando a prevención e a actuación ante calquera incidencia.

No balance de seguridade cidadá, expúxose que no ano 2025 a taxa de criminalidade en delito convencional no concello de Ribeira baixou un 11% con respecto ao ano anterior. Sobe, ao igual que está a suceder en todo o Estado, a cibercriminalidade.

Segundo os datos analizados, rexistrouse unha diminución xeralizada en practicamente todas as tipoloxías delituosas, aínda que recentemente observouse un incremento nos roubos en vivendas e no interior de vehículos. "Esta delincuencia menor é a que conleva un aumento subxectivo de inseguridade", sinalou Abalde.

En relación con estes feitos, indicouse que se trata dunha problemática vinculada a situacións de drogodependencia. Neste sentido, a Comisaría da Policía Nacional de Ribeira puxo en marcha un operativo específico centrado nesta cuestión, que se saldou con varias detencións. "Pero o tema da drogodependencia é un tema complexo que require dunha resposta social, e non só policial", explicou o subdelegado do Goberno.

O plan director, clave na seguridade escolar

Na reunión tamén se abordou o desenvolvemento do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos, un programa impulsado polo Ministerio do Interior do Goberno de España que busca reforzar a coordinación entre a comunidade educativa e as forzas e corpos de seguridade do Estado.

No caso de Ribeira, o plan director lévase a cabo por efectivos da Policía Nacional. No curso 2024-2025 participaron 401 estudantes, cun total de 39 accións formativas e informativas, centradas especialmente en temáticas como o acoso e ciberacoso, os riscos de Internet, o consumo de drogas e alcohol, a violencia de xénero e a prevención de delitos sexuais, así como orientación laboral. Ademais, realizáronse vixilancias nos centros educativos e no seu contorno.

O subdelegado puxo en valor o crecemento do programa, lembrando que en Galicia se superaron as 5.000 actividades no último ano; delas, 2.016 tiveron lugar na provincia da Coruña, alcanzando 331 centros e máis de 35.000 estudantes.

“O plan director aborda as inquedanzas actuais de familias e profesorado, incorporando temáticas relevantes e conectadas coa realidade do alumnado”, engadiu o subdelegado do Goberno, quen destacou o compromiso da Policía Nacional e da Garda Civil coa protección dos menores e coa seguridade da comunidade educativa.

Compromiso común contra a violencia de xénero

A Xunta Local de Seguridade fixo tamén balance das actuacións en materia de violencia de xénero. Neste punto, o subdelegado fixo un chamamento á adhesión ao Sistema de Seguimiento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén), dependente do Ministerio do Interior, como ferramenta fundamental para reforzar a protección das vítimas.

O Concello de Ribeira non está actualmente adherido a este sistema, polo que Abalde animou a que se incorpore, subliñando que VioGén permite “unha avaliación permanente do risco, un seguimento personalizado e unha resposta rápida ante calquera situación de perigo”.

Na provincia da Coruña existen na actualidade 30 concellos adheridos ao sistema, cun total de 2.724 casos activos, e prevese a incorporación de cinco novos municipios. O subdelegado insistiu en que é “imprescindible manter e reforzar os recursos de prevención e atención ás vítimas”, destacando tamén o papel dos Centros de Información á Muller como apoio esencial.

A Xunta Local de Seguridade pechouse coa vontade compartida de seguir reforzando a coordinación institucional e policial, así como as políticas preventivas, para continuar mellorando os indicadores de seguridade no municipio.

Pola súa banda, a alcaldesa, María Sampedro, calificou de "decepcionante" o resultado dunha reunión pola que, segundo dixo, "levávamos días agardando".

"Boas palabras, pero feitos relevantes non os temos", sinalou a rexedora, que lamenta que o Goberno central non atendera as reiteradas demandas do Concello para incrementar a plantilla da comisaría da Policía Nacional de Ribeira.

"Non nos sabe practicamete a nada esta reunión, máis alá da aposta pola coordinación e colaboración dos corpos e forzas de seguridade do Estado, que, aínda que se poida mellorar, é excelente", dixo Sampedro.

"Dende o Concello non imos parar nas nosas reivindicacións en materia de seguridade, e non imos escatimar os medios ao noso alcance, duplicando as patrullas da Policía Local polas tardes e polas noites", asegurou Sampedro.

Tracking Pixel Contents