Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

O PSOE de Rianxo ofrece "diálogo" ao goberno para elaborar os orzamentos

Óscar Rial propón unha serie de "liñas prioritarias"

Oscar Rial, portavoz do PSOE de Rianxo.

Oscar Rial, portavoz do PSOE de Rianxo. / Cedida

Rianxo

O PSOE de Rianxo manifesta a súa preocupación ante a situación económica do concello, que afronta un segundo ano consecutivo con orzamentos prorrogados "sen que exista, a día de hoxe, unha proposta formal de contas para 2026 nin comunicación cos grupos da oposición ao respecto", afirma o seu portavoz, Óscar Rial.

Lembra que o alcalde, Julián Bustelo, anunciara en abril de 2025 que trataría de presentar unha proposta de orzamentos no verán. Porén, engade Rial, "ese anuncio non se cumpriu, e o Concello continúa sen planificación económica definida para o exercicio actual".

Garantir servizos e investimentos

Os socialistas consideran que a planificación orzamentaria "é fundamental para garantir servizos e investimentos", e por iso manifestann "a total disposición ao diálogo e á colaboración co goberno municipal, coa intención de contribuír á elaboración dun orzamento equilibrado e con prioridades claras para 2026".

Neste sentido, propoñen unha serie de liñas prioritarias: organización e planificación municipal, garantindo unha aplicación responsable e progresiva da RPT; a mellora de infraestruturas e espazos municipais, especialmente nas instalacións deportivas e accesos escolares; o apoio ao deporte local, incrementando as axudas aos clubs e establecendo bolsas para deportistas individuais; e o apoio á comunidade educativa, en especial mediante axudas directas ás ANPAS.

Novo polígono

Asemade, dende o PSOE piden un "impulso ao tecido económico local, reforzando o apoio á ARE e promovendo medidas de dinamización comercial", e unha planificación de solo industrial, abrindo o debate sobre a procura dunha ubicación para un novo polígono que permita garantir o desenvolvemento económico futuro do municipio, valorando tamén as posibilidades de ampliación ou aproveitamento do actual polígono de Té como opción máis inmediata.

Outra das prioridades para o PSOE de Rianxo é o mantemento ordinario dos espazos públicos, incorporando partidas específicas para limpeza, mobiliario urbano, iluminación, xardinería e desbroces, "garantindo así a conservación adecuada das infraestruturas e unha mellor calidade de vida para a veciñanza".

Licitación de servizos

Avogan tamén por avanzar na licitación dos servizos municipais "que continúan en situación de precariedade administrativa, garantindo a súa regularización mediante contratos estables, transparentes e con planificación a medio prazo, que melloren a calidade do servizo, aporten seguridade xurídica ao Concello e dignifiquen as condicións laborais das persoas traballadoras vinculadas a estes servizos", subliñan.

Óscar Rial asegura, non obstante, que "para negociar é imprescindible que exista un documento enriba da mesa e un calendario claro. Rianxo merece responsabilidade, seriedade e unha folla de ruta definida para o seu futuro".

Tracking Pixel Contents