Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PLENO

Acordo unánime en Ribeira para comprar a antiga fábrica de Conservas Cerqueira

A alcaldesa cualifica de «chambonada» a xestión do seu antecesor

O BNG di que a unanimidade evidencia que «o camiño iniciado era sólido»

Sesión plenaria en Ribeira.

Sesión plenaria en Ribeira. / Cedida

Ribeira

A Corporación de Ribeira aprobou a compra da antiga fábrica de Conservas Cerqueira S.A, que permitirá a adquisición, en adxudicación directa, do inmoble por un importe de medio millón de euros.

A nave duns 500 m2, situada en Bandourrío, é de interese histórico e arquitectónico e será transformada nun espazo multiusos a disposición da veciñanza, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation EU.

Informes vinculantes

«Este acordo permite poñer fin a un expediente cargado de informes técnicos e vinculantes que debían ser rigorosos e que non existían cando, o pasado 10 de outubro, o señor Pérez quixo enganar aos veciños de Ribeira cunha compra ficticia que carecía de calquera validez legal», afirmou a alcaldesa, María Sampedro, quen asegurou que «agora si se materializa con feitos concretos e reais».

Anunciou que enviará a certificación do acordo á Notaría para proceder a súa firma á maior brevidade, «terminando así cun proceso que permitirá saldar a débeda que o Concello de Ribeira tiña desde fai anos cos veciños».

Sampedro cargou contra a xestión do anterior rexedor ao que acusou de «non facer nada durante dous anos. O que vivimos fai catro meses foi unha chambonada».

«Verxión terxiversada»

Pola contra, o BNG subliña que a ratificación unánime evidencia que o camiño iniciado era sólido e axeitado, e considera «sorprendente» escoitar críticas agora por parte de quen votara en contra da protección da nave ou de quen atopou o expediente practicamente rematado e só á espera dunha única autorización administrativa como é a concesión de Costas.

Os nacionalistas critican que se intente trasladar á cidadanía «unha versión terxiversada só para evitar recoñecer o traballo feito ao longo deste tempo».

Neste sentido, sinalan que todo o proceso «evidencia que houbo un goberno honesto que traballou por facer unha vila en grande», e contrapoñen ese balance coa situación herdada polo PP: «unha débeda municipal de 13 M€ e a ameaza dun posible derrubo e indemnización de 1,5 millóns polo peche da gasolineira de Xarás».

Fronte a iso, destacan que o legado do equipo de Pérez Barral é «patrimonio público e financiamento histórico».

Tracking Pixel Contents