Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MAR

A avaliación científica determinará as accións de apoio ao sector marisqueiro

A conselleira do Mar estudou cos patróns maiores a situación dos bancos da ría de Muros-Noia

Reunión dos patróns maiores coa conselleira e responsables da Consellería do Mar.

Reunión dos patróns maiores coa conselleira e responsables da Consellería do Mar. / X. G.

Noia

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, avaliou cos patróns maiores das confrarías de Noia, Portosín, Porto do Son e Muros a situación do sector marisqueiro tras os episodios de temporais persistentes das últimas semanas.

No encontro, no que participaron tamén o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, a responsable autonómica trasladou ao sector a vontade da Xunta de manter un diálogo permanente e un seguimento rigoroso da evolución dos bancos marisqueiros, coa avaliación científica como base para poder tomar as mellores decisións.

Elevada mortaldade

Durante a xuntanza analizouse a situación derivada da elevada mortalidade rexistrada nos bancos marisqueiros como consecuencia das choivas intensas e persistentes, que propiciaron unha baixada prolongada da salinidade, así como as actuacións activadas pola Consellería do Mar para avaliar os danos, protexer o recurso supervivente e estudar medidas de recuperación e apoio ao sector.

A conselleira do Mar subliñou que a Xunta seguirá traballando «desde a corresponsabilidade e a cogobernanza co sector para afrontar unha situación complexa, marcada por fenómenos meteorolóxicos extremos, co obxectivo de preservar un sector estratéxico para Galicia e garantir a súa viabilidade a medio e longo prazo».

Grupo de traballo

Na liña de buscar as mellores solucións para a situación actual, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro presidiu tamén unha xuntanza do grupo de traballo de marisqueo que inicia a cuarta fase do plan de actuación ante eventos de baixa salinidade.

No encontro pechouse o calendario de mostraxes das zonas produtivas, a maioría previstas para a próxima semana aproveitando as mareas favorables.

De acordo co protocolo de avaliación de mortalidades, elaborado polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), as mostraxes serán máis intensas naquelas zonas nas que as inspeccións cualitativas detectaron unha incidencia de mortaldade moderada ou severa de bivalvos.

Medidas de recuperación

Tamén foron analizadas posibles medidas de recuperación produtiva dos bancos tendo en conta o arrastre dos efectos do episodio meteorolóxico extraordinario do inverno de 2023 e que, debido ao ciclo biolóxico dos bivalvos que tardan ao redor de dous ou tres anos en acadar a súa talla comercial, aínda non foi posible completar a súa recuperación.

Impacto das presas

A conselleira do Mar, ao respecto das denuncias do sector sobre o impacto dos baleirados de presas na mortaldade de marisco durante a baixamar, sinalou que as presas "réxense polo seu plan de explotación" e non depende da consellería.

Sinalou que "coñecen" o impacto da baixa salinidade pola entrada de auga doce, pero apunta que iso se pode deber tanto á apertura das presas como ás riadas.

Asegura que están en contacto co sector e que xa trasladaron ás empresas que xestionan a presas "esa sensibilidade, esa inquedanza", aínda que as compañías tamén deben atender "a seguridade da instalación e das poboacións". Di "entender esta preocupación" que lle trasladan as confrarías e intentan que "atendan as súas demandas".

Patrón maior de Noia

Ao respecto, o patrón maior de Noia, Santiago Cruz, atribúe os baixos niveis de salinidade na ría á falta dun protocolo por parte da empresa Naturgy na presa do río Tambre.

"Se abre a presa con moita auga doce en situación de baixamar e hai arrastres de bivalvos, tanto de berberecho como de ameixa (...) Se existise un protocolo de actuación, en vez de morrer o 80 % do berberecho, poderíamos estar falando dun 60%".

Lembra que as últimas mostraxes cifran nun 80% a mortaldade do berberecho, dun 90% da ameixa babosa e do 40% da xapónica na ría de Muros-Noia.

Tracking Pixel Contents