Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O río Tins de Outes flúe xa entre vinte mil metros cadrados de áreas verdes creadas ou rexeneradas

No marco do proxecto Renatur_Outes tamén se crearon 300 m2 de illas de biodiversidade

Un grupo de voluntarios participando nunha das actividades encadradas no proxecto Renatur_Outes.

Un grupo de voluntarios participando nunha das actividades encadradas no proxecto Renatur_Outes. / Cedida

Outes

A Facultade de Bioloxía da USC acolleu este xoves a presentación do balance do proxecto Renatur_Outes, depois de tres anos de traballo conxunto para devolverlle á contorna do río Tins, en Outes, o seu carácter natural, mellorar o bosque de ribeira e promover a biodiversidade do curso fluvial ao seu paso polo núcleo urbano.

O proxecto, no que participaron investigadores das tres universidades públicas galegas, o Concello de Outes e as fundacións CEER e Montescola, acadou avances significativos: máis de 20.000 m2 de áreas verdes creadas ou restauradas; 2 km de cauce fluvial restaurados; máis de 4 km de río limpo; e 300 m2 de illas de biodiversidade xeradas.

Asimesmo, máis de 600 persoas participaron en accións de voluntariado, e máis de 800 tomaron parte en procesos de gobernanza e diálogo social vinculados á transformación do río.

«Renatur_Outes consolídase como un modelo eficaz e replicable que conecta a acción local cos grandes retos europeos de transición ecolóxica», sinalou Inês Gusman, directora da Fundación CEER, coordinadora do proxecto.

Participantes na presentación do balance do proxecto Renatur_Outes, celebrada en Santiago.

Participantes na presentación do balance do proxecto Renatur_Outes, celebrada en Santiago. / Cedida

Ademais, subliñou que “a recuperación do río Tins e do seu bosque, guiada polo coñecemento científico e pola participación cidadá, demostra que esta transición se constrúe desde o territorio, integrando ciencia, comunidade e natureza".

"Os resultados acadados confirman que a colaboración entre diferentes universidades, a administración local e entidades como a Fundación CEER e Montescola permite transformar coñecemento en acción e compromiso en resultados”, engadiu Gusman.

“Iniciativas como Renatur_Outes abren camiño cara a un territorio con máis biodiversidade, no que a restauración ecolóxica actúa como motor de transformación territorial e benestar colectivo”, dixo.

Na xornada presentáronse os avances en biodiversidade e ecoloxía e analizáronse as diversas actuacións realizadas para a mellora da conectividade do leito fluvial, recuperación do bosque de ribeira e o control de especies invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia.

Estas accións permitiron reducir a presión das invasoras e favorecer a rexeneración da vexetación autóctona de ribeira.

Participación cidadá e voluntariado

Durante a sesión abordouse tamén a dimensión social do proxecto. Ao longo destes anos organizáronse numerosas xornadas de voluntariado, actividades de educación ambiental e sesións de gobernanza para implicar a veciñanza de Outes.

Tracking Pixel Contents