Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Noia inviste 60.000 euros na mellora do campo de fútbol Julio Mato

Instalouse unha nova bomba de aerotermia e realizáronse traballos de impermeabilización, limpeza e fontanería

Pola esquerda, o tenente de alcalde, Manuel Seijas; a edil de Deportes, Sandra González; e o alcalde, Francisco Pérez.

Pola esquerda, o tenente de alcalde, Manuel Seijas; a edil de Deportes, Sandra González; e o alcalde, Francisco Pérez. / Cedida

Noia

O Concello de Noia vén de executar unha serie de actuacións de mellora no campo de fútbol Julio Mato, Matito, cun investimento total de 60.000 euros destinado a modernizar as instalacións e garantir unha práctica deportiva máis segura, eficiente e digna para os usuarios e usuarias.

A actuación máis destacada foi a instalación dunha nova bomba de aerotermia, un sistema enerxeticamente eficiente que permitirá reducir considerablemente o consumo eléctrico da instalación.

O custo desta intervención ascendeu a 44.000 euros, dos cales 11.000 euros foron subvencionados a través dunha liña de axudas da Xunta de Galicia, mediante fondos europeos do Inega.

Ademais, leváronse a cabo labores de impermeabilización nun dos elementos cubertos do campo de fútbol, co obxectivo de evitar filtracións e mellorar a conservación da infraestrutura.

Tamén se solucionaron os problemas existentes coa subministración de auga quente nos vestiarios anexos, onde igualmente se acometeron diversas reparacións para optimizar o seu estado e funcionalidade.

Por outra banda, realizouse unha limpeza integral das pistas de atletismo, que presentaban unha importante sucidade, converténdose nun risco para os e as atletas que empregan estas instalacións nos seus adestramentos habituais.

Desde o Concello de Noia destácase que estas actuacións responden ao compromiso do Goberno local coa mellora continua das infraestruturas deportivas municipais, co fin de ofrecer unhas condicións axeitadas para clubs, deportistas e veciñanza en xeral.

Con esta intervención, o Concello confía en que a práctica deportiva no campo Julio Mato, Matito, conte, a partir de agora, "cunhas condicións moito máis dignas e acordes ás necesidades actuais, deixando atrás as carencias que viñan arrastrándose nos últimos anos".

Tracking Pixel Contents