Paula Prado insta o Goberno central a retirar o recurso contra a lei autonómica do sector eólico
A secretaria xeral do PPdeG visitou en Lousame o parque do Monte Treito, onde se reducirá o número de aeroxeradores de 44 a 7

Paula Prado e Esteban Ares, segunda e terceiro pola esquerda, no eólico de Monte Treito. / Cedida
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, instou o Goberno de Sánchez a retirar os dous recursos interpostos contra as leis autonómicas do sector eólico e da dependencia “e a deixar tranquilos os galegos e galegas”, esixíndolle a PSOE e BNG “que abandonen xa o non a todo” e se sumen “á Galicia do si”.
Así o manifestou durante unha visita ao miradoiro do Monte da Muralla, na contorna do parque eólico do Monte Treito, acompañada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares, así como por concelleiros do PP deste municipio e de Rianxo.
A número dous dos populares galegos puxo en valor a “boa nova para Galicia” que supón a suspensión provisional do Tribunal Constitucional ao recurso impulsado polo Goberno de Sánchez, que pretende paralizar o modelo eólico do Goberno de Rueda.
O plan galego busca reducir o impacto dos aeroxeradores nos montes ata nun 80% e incrementar ademais a xeración de enerxía eléctrica de orixe renovable na Comunidade, xa que os novos aeroxeradores son máis eficientes que os antigos.
Prado puxo de exemplo o devandito parque do Monte Treito, onde xa están pasando voluntariamente de 44 a 7 aeroxeradores, que ademais serán máis modernos, na liña do que ocorre no resto de Galicia, onde están en marcha un total de 16 proxectos que suporán a retirada de máis de 500 muíños.
“Queremos reivindicar que a Xunta traballa con rigor e avogando polo cumprimento da lei, mentres o Goberno central está instalado no boicot ao bo facer de Galicia”, criticou Prado, quen cualificou de “chapuza e caos o modelo de Sánchez e os seus socios independentistas, o BNG", ao que pide "que deixe de boicotear a nosa Comunidade e o seu avance”.
Do mesmo xeito, sinalou que esta suspensión provisional do Tribunal Constitucional permite continuar co modelo do Goberno galego, "centrado en atraer máis industria e dispoñer de enerxía barata". “Apostamos pola enerxía verde, polo rigor e o sentidiño, fronte ao continuo non a Galicia de PSOE e BNG”, subliñou.
Prado lembrou que o Constitucional suspendeu de xeito provisional tamén o recurso á lei autonómica de dependencia, "que en Galicia xa permitiu reducir en dous meses os tempos de espera e resolver favorablemente máis de 86.000 expedientes, beneficiando 12.600 galegos que percibiron a homologación automática da súa discapacidade".
“Unha vez máis, o Tribunal Constitucional deixou en ridículo a Sánchez”, manifestou a secretaria xeral do PPdeG.
Pola súa banda, o rexedor de Lousame agradeceu a presenza da secretaria xeral dos populares galegos na comarca e compartiu a “boa nova” que significa esta suspensión provisional do Tribunal Constitucional.
“É unha mostra máis de que o Goberno central intenta bloquear o noso Goberno autonómico e bloquear Galicia. Temos que pelexar e que a Xustiza nos dea a razón e apoie as nosas leis”, sinalou, poñendo en valor as políticas populares e o traballo do Goberno de Rueda co impulso ao modelo eólico.
Nesta liña, Prado reivindicou o papel do PPdeG na comarca do Barbanza, onde a metade dos concellos están gobernados polo PP, como Lousame, e agardou que nas próximas eleccións municipais, Rianxo tamén teña unha alcaldía popular.
“Eu sei que a comarca do Barbanza é maioritariamente do Partido Popular e ímolo volver demostrar nas próximas eleccións municipais, onde agardo que sumemos aínda máis alcaldías”, expresou.
Por último, Paula Prado referiuse á manifestación convocada para este sábado do sector educativo, esixíndolle ao BNG “que deixe de politizar a educación galega e os rapaces e rapazas”.
“Non o imos consentir”, dixo, sinalando que o PPdeG respecta as mobilizacións, "pero isto é o teatro do independentismo galego, non a voz da cidadanía”. “Esta manifestación non é espontánea, está absolutamente politizada, convocada, organizada e financiada polo BNG e o seu sindicato afín, a CIG”, asegurou.
Deste xeito, apuntou que a rede de autobuses facilitados para trasladarse a Santiago, así como “o manual de instrucións que recibiron os pais directamente desde o BNG coa organización da protesta" son “máis propios dun sistema comunista”.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Sirat', del gallego Óliver Laxe, suma un premio clave en su camino a los Premios Oscar 2026
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Pescadores y cazadores gallegos podrán usar la licencia interautonómica en diez comunidades a partir de 2026
- El precio de la gasolina se desboca en Santiago y rompe la barrera de los 2 euros el litro
- Ganadería Xesteiro de Zas compra una vaca frisona criada en Val do Dubra por más de 5.300 euros
- Del Benidorm Fest a la verbena gallega: El Combo Dominicano recupera a su estrella
- Una pasarela salvará la senda entre Milladoiro y la Intermodal de Santiago