A Pobra non agarda pola Xunta e asume a reparación do tramo derrubado do paseo marítimo por risco de colapso
Tras constatar a evolución dos danos, o Concello teme que resulte afectada tamén a estrada

O treito afectado permanece acordoado. / Cedida
O Concello da Pobra do Caramiñal impulsará un proxecto de emerxencia destinado á consolidación da cimentación do paseo marítimo do Areal, co obxectivo prioritario de garantir a seguridade das persoas e preservar unha infraestrutura esencial para a vila.
Tras o seguimento técnico realizado nas últimas semanas, e ante a evolución dos danos existentes nun tramo aproximado de 90 metros lineais, desde o Concello consideran que é “imprescindible” actuar “de maneira urxente para reforzar o muro e evitar o seu colapso”.
O alcalde, José Carlos Vidal, subliñou que é unha medida que se adopta “considerando que é necesario actuar urxentemente para evitar o colapso da infraestrutura, o que podería causar graves danos materiais e persoais. A pesar de que entendemos que non son competencias propias, senón doutras administracións, non podemos deixar pasar máis tempo. O primordial neste caso é a seguridade dos veciños e veciñas, polo que é necesario actuar coa máxima celeridade posible”.
Entre outras cuestións, que se chegase a dar esta situación afectaría gravemente a estrada DP-6703, fundamental para a circulación peonil e viaria da vila e das edificacións e establecementos que se serven dela.
Co obxectivo de evitalo, prevese unha intervención que consiste no recalce da cimentación por bataches, penetrando 80 centímetros na rasante actual da area e procedéndose ao recheo con formigón. Este sistema xa foi empregado con anteriormente noutro tramo do paseo con éxito, polo que a actuación permitirá estabilizar temporalmente a estrutura.
Unha situación agravada polos temporais
Os informes técnicos constatan que a acción continuada dos temporais, das mareas vivas e das correntes mariñas provocou o lavado progresivo da cimentación do muro, descalzándoa e xerando unha perda significativa da estabilidade no tramo afectado.
Os episodios de fortes temporais rexistrados este inverno aceleraron esta patoloxía. Ademais, as previsións meteorolóxicas apuntan á chegada de novos temporais que poderían coincidir coas mareas vivas de marzo, as máis intensas do ano, o que podería empeorar notablemente a situación e aumentar o risco de colapso.
Desde o Concello sinalan que “nestes momentos a zona afectada mantense acordoada pola Policía Local” e rogan “responsabilidade e respecto absoluto polas indicacións, xa que a prioridade das mesmas é garantir a seguridade da veciñanza”.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- Una spin-off finlandesa situada a 3.000 kilómetros de Santiago monta el nuevo superordenador cuántico para el Cesga: 'Será uno de los más potentes de Europa
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Galicia registra el invierno más húmedo de los últimos 25 años