Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Amicos incide na formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes

Os cursos incluíron módulos sobre intervencións no ámbito institucional, atención hixiénico-alimentaria, inserción laboral ou igualdade

Belén do Campo, no centro, con persoal de Amicos e alumnas dos cursos tras a entrega dos diplomas.

Belén do Campo, no centro, con persoal de Amicos e alumnas dos cursos tras a entrega dos diplomas. / Cedida

Boiro

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou esta martes en Boiro a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos para clausurar o curso de accións formativas para desempregados.

Esta acción formativa contou cunha achega da Xunta de máis de 52.000 euros e centrouse en atención sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións sociais.

Do Campo felicitou a Amicos pola súa implicación e compromiso coa mellora da empregabilidade dos veciños da súa contorna ademais de conseguir xente formada para atender as necesidades dos usuarios dos seus centros.

Neste senso, animou a todo o seu equipo a seguir traballando e apostando por unha formación de calidade e destacou o éxito que teñen estes cursos, xa que conseguen unha taxa de empregabilidade moi alta.

Este curso incluíu os módulos dirixidos a persoas dependentes en institucións sociais, de apoio na organización de intervencións no ámbito institucional (recepción e acollida, organización de actividades); intervención na atención hixiénico-alimentaria; intervención na atención sociosanitaria, apoio psicosocial, atención relacional e comunicativa (animación sociais, mantemento e mellora das actividades diarias, técnicas de comunicación); inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero; formación para a igualdade e básico de prevención de riscos laborais.

A representante do Goberno autonómico felicitou as alumnas que comezaron a súa formación o pasado 15 de outubro e remataron este martes, cunha duración total de 415 horas.

Belén do Campo destacou o esforzo que realiza a Xunta neste tipo de formación, xa que neste curso estanse a impartir na provincia da Coruña 202 cursos por un importe de case 11,2 millóns de euros e concretamente no Barbanza recibiron apoios para realizar estes cursos 6 entidades, para impartir 12 cursos, por un importe de máis de 715.000 euros.

A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas formacións é mellorar as competencias profesionais das persoas beneficiarias, favorecendo a obtención total ou parcial de certificados profesionais con impacto directo na súa inserción laboral.

Nova convocatoria

A delegada informou que a Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento inicial de 40 millóns de euros, ampliable segundo as necesidades.

Preto de 9,5 millóns de euros están reservados a entidades sen ánimo de lucro, co obxectivo de reforzar a empregabilidade e dar resposta ás demandas reais de talento do tecido empresarial galego. A medida enmárcase no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar o Goberno galego, baseado na flexibilización, a axilidade administrativa e unha maior conexión co mercado laboral.

Os cursos estarán dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30% das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo.

O prazo de presentación de solicitudes esta aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento distribuirase en dúas anualidades: 30 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027, para accións formativas que poderán iniciarse este ano e prolongarse no seguinte.

As entidades e centros de formación acreditados para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional poderán optar ás axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva e contemplan anticipos de ata o 60%.

A convocatoria garante unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano. Entre as novidades, flexibilízanse os requisitos de acceso: as persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nunha de nivel superior sen ter que agardar pola expedición do certificado profesional anterior, unha opción que tamén se estende a quen estea pendente da homologación dun título estranxeiro.

As accións formativas abranguen os graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional, permitindo unha capacitación modular e adaptada ás necesidades de cada perfil. Así, inclúense microformacións de grao A, formacións de grao B, e programas de grao C. Esta estrutura facilita itinerarios máis flexibles e unha incorporación máis áxil ao mercado laboral.

Co fin de garantir a conexión directa coa realidade produtiva, cada acción deberá acreditar unha demanda efectiva mínima do 30% do alumnado, comprometida previamente polas entidades formativas.

Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de xeito que polo menos o 25% das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo. As oficinas de emprego continuarán desempeñando un papel clave na detección de necesidades por sectores e territorios.

Tracking Pixel Contents