Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Noia licita as redes de servizos básicos do albergue da Chaínza

A obra que iniciou o anterior Goberno para a Factoría da Mocidade non se corresponde co proxecto subvencionado, segundo o PSOE

O tenente de alcalde, Manuel Seijas, esquerda, e o alcalde, Francisco Pérez, no albergue da Chaínza.

O tenente de alcalde, Manuel Seijas, esquerda, e o alcalde, Francisco Pérez, no albergue da Chaínza. / Cedida

Noia

O Concello de Noia vén de sacar a licitación a obra de dotación de subministración dos servizos de electricidade, auga e saneamentodo ao albergue da Chaínza, unha actuación fundamental para permitir a súa apertura. Esta intervención contará cun investimento de 44.000 € de fondos europeos.

«Grazas a estas obras o albergue poderá estar plenamente operativo previsiblemente para a próxima Semana Santa», explicou o alcalde noiés, Francisco Pérez.

O rexedor destacou a importancia desta actuación sinalando que «esperamos que teña unha dimensión turística importante, que permita atraer visitantes e consolidar a nosa oferta de aloxamento, especialmente en períodos de alta demanda como a Semana Santa.

O Goberno local considera que a posta en funcionamento do albergue da Chaínza «suporá un importante impulso para o sector turístico local, contribuíndo á dinamización económica e á promoción de Noia como destino atractivo tanto para peregrinos como para visitantes que escollen a vila para gozar do seu patrimonio, gastronomía e contorna natural».

O Concello destaca ademais «o papel clave dos fondos europeos para facer realidade esta infraestrutura, que permitirá poñer en valor un espazo que ata o de agora non podía desenvolver todo o seu potencial e ampliar os servizos dispoñibles no municipio».

O albergue será xestionado pola Fraternidad Internacional del Camino de Santiago. O aloxamento será de donativo, sen tarifas fixas, á vontade dos usuarios.

Por outra banda, o PSOE noiés expresou a súa preocupación ante o «risco real» de que o Concello poida perder unha subvención de 200.000 € do Galp, financiada con fondos europeos, destinada á creación da Factoría da Mocidade no complexo da Chaínza.

Segundo a formación, «o proxecto presentado polo anterior Goberno local (PP e NO.I.A.) non coincide co que posteriormente foi licitado. É dicir: a obra que se puxo en marcha na Chaínza non se corresponde co proxecto que fora obxecto da concesión da subvención europea».

Esta situación, que cualifican de «grave, irresponsable e neglixente», podería derivar na perda da devandita achega, polo que as obras terían que ser asumidas con fondos do Concello se non se consigue emendar a deficiencia».

Ao respecto, e en declaracións a este xornal, o exalcalde Santiago Freire dixo que "unha vez máis, intentan culpar o Executivo anterior de cuestións que eles non resolveron dende que asumiron o Ooberno. Xa é a tónica habitual".

"Esa obra foi licitada polo noso Goberno e iniciada polo actual. Se non fixeron os trámites correspondentes antes do seu inicio é responsabilidade súa", explicou.

Segundo Freire, "o que deberían é tramitar os cambios correspondentes consecuencia de variacións esixidas por determinadas autorizacións sectoriais. A obra foi adxudicada días antes da moción de censura e antes de empezar tiñan que ter analizado o expediente e comunicalo ao Galp".

"Unha vez máis pretenden culpar a outros da súa incompetencia. Danse conta agora de que para gobernar hai que poñerse ao día de varias cuestións. Cambios hubo en moitas ocasións anteriores e sempre se fixeron os trámites correspondentes para adaptalos ás esixencias das distintas convocatorias", engadiu.

Tracking Pixel Contents