Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSdeG esixe á Xunta reverter a autorización "a dedo" de dúas bateas de mexillón 'long line' en Noia

O Goberno galego di que se trata dunha tramitación ordinaria que se enmarca dentro da normativa de xestión da acuicultura

Paloma Castro.

Paloma Castro. / Cedida

Noia

A portavoz de Marisqueo do PSdeG no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, eisixulle este martes á Xunta que revise e reverta a autorización de dúas novas bateas de mexillón long line na ría de Muros-Noia “a dedo e de costas ao sector”.

A responsable socialista presentou unha pregunta oral na comisión de Pesca do Parlamento "diante desta decisión que o Goberno galego agochou dende xaneiro do ano pasado que non foi coñecida polo sector ata un ano despois", dixo.

A responsable socialista advertiu que se trata dun “erro político” na xestión por parte da Consellería do Mar, "que senta un precedente que compromete a ordenación racional dos polígonos de bateas, a convivencia entre os produtores e a sustentabilidade social e económica do sector".

Castro sinalou que con esta decisión amosan “falta de lealdade institucional” e que "levan un mes sen responder da petición de reunión da Mesa do Mexillón".

Ademais, considera que "introduce unha percepción clara de desigualdade e trato de favor, xa que llo conceden a dedo a unha empresa que xa contaba con dúas bateas experimentais, e ademais, no canto de instalacións para captación de mexilla, son para engorde de mexillón xa desenvolvido".

"Deste xeito introducen competencia directa dentro do propio polígono fronte ao resto dos produtores, co que rompe co equilibro competitivo, a igualdade de condicións e seguridade xurídica", engadiu.

Castro lembrou que o criterio da Mesa do Mexillón foi que estas captacións deberan estar orientadas ao interese xeral, nunca a empresas individuais. Subliñou que “hoxe a prioridade debera ser defender o conxunto do sector, non xerar agravios”, e que “o normal en aras á transparencia e ao consenso co sector sería consultarlle ou informarlle previamente das decisións que lles afecten, non que se enteren un ano despois”.

Pola súa banda,  o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, explicou que a autorización de colocar dispositivos de captación de mexilla no polígono de Noia responde a unha tramitación ordinaria que se enmarca dentro da normativa de xestión da acuicultura en Galicia.

Isaac Rosón.

Isaac Rosón. / Cedida

A este respecto indicou que, mentres non existan cambios normativos que indiquen modificacións nas tipoloxías de concesión ou mesmo na maneira de proceder, a Administración está na obriga de cursar calquera solicitude de concesión experimental, independentemente do resultado da mesma, "tendo en conta tamén o rigoroso criterio científico e técnico que xustifique a necesidade de realizar probas ou experimentos dos que se poidan extraer resultados de relevancia e ampla aplicación futura do sector".

Neste senso, detallou ademais que, por deber de confidencialidade e protección de datos, non poden ser elevados a órganos consultivos os proxectos de iniciativa privada cando a norma non o recolla expresamente, posto que podería poñerse en risco o segredo industrial ou tecnolóxico das persoas promotoras das iniciativas.

Comisión do Mexillón

A este respecto, Rosón puxo en valor o papel de Comisión do Mexillón como órgano “de moi alto valor para a Consellería do Mar”, e que se pretende activar “como mínimo as catro veces anuais de convocatoria ordinaria e todas cantas fagan falta, sempre que a súa convocatoria extraordinaria responda a necesidades sectoriais ou que sexa solicitada polo número mínimo de integrantes requiridos polo regulamento de funcionamento, de cara a garantir que os temas tratados nela sexan de interese para o sector, e que non atenden a intereses ou solicitudes individuais”.

Neste contexto, anticipou a súa convocatoria para este mes, na que se presentará co fin de que estas propostas “sexan o máis eficientes posible”. Unha acción que, segundo destacou o director xeral, amosa “o firme compromiso da Xunta co diálogo sectorial”.

Tracking Pixel Contents