Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribeira abrirá os sábados a Casa da Xuventude con concertos, talleres, torneos e festas temáticas

O centro ofrecerá unha programación variada de 17.00 a 20.00 horas para maiores de doce anos

Mario Vidal, técnico de Xuventude, y Carmen Pérez, edil de Xuventude.

Mario Vidal, técnico de Xuventude, y Carmen Pérez, edil de Xuventude. / Cedida

Ribeira

A concellería de Xuventude de Ribeira vén de poñer en marcha o programa Por fin é finde, unha iniciativa destinada á mocidade do municipio a partir dos 12 anos que transformará a Casa da Xuventude nun espazo dinámico de encontro, formación e lecer saudable durante as fins de semana.

O centro abrirá todos os sábados de 17.00 a 20.00 horas para ofrecer unha programación variada que combina actividades formativas, propostas creativas e espazos de esparexemento, baixo a supervisión de profesionais.

Entre as actividades previstas inclúense talleres creativos como repostaría e customización, torneos de E-Sports e videoconsolas, concertos en directo, sesións de karaoke ou festas temáticas, así como propostas de formación vinculadas ao monitorado de ocio e tempo libre, organización de viaxes e roteiros.

O proxecto baséase nunha metodoloxía de participación activa, onde a mocidade non só participa, senón que tamén propón contidos, fomentando a autoxestión e a aprendizaxe experiencial.

Ademais, ao tratarse dun servizo gratuíto e sen inscrición obrigatoria para o uso do espazo, elimínanse barreiras de acceso e favorécese a integración de mozas e mozos de diferentes contornas.

A iniciativa comezou o pasado sábado 28 cun curso de monitorado de tempo libre e, a partir deste sábado sete de marzo, abrirase a toda a mocidade de Ribeira.

Dende o Concello destacan que «o programa Por fin é finde supón un paso máis na consolidación da Casa da Xuventude como referente de participación e dinamización xuvenil no municipio, ofrecendo alternativas de lecer saudable que contribúan á prevención de condutas de risco e ao fortalecemento da vida xuvenil».

Tracking Pixel Contents