Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

8M

Barbanza reivindica a igualdade real dende Boiro, Ribeira e Lousame no Día da Muller

Na capital lousamiá voluntarias europeas contarán as súas experiencias este sábado

Lectura do manifesto institucional en Boiro.

Lectura do manifesto institucional en Boiro. / Cedida

Boiro

A comarca de Barbanza uníu as súas voces para reivindicar unha igualdade real. En Boiro as protagonistas foron as mulleres do social, que deron lectura a un manifesto institucional no que participaron integrantes de Amicos, BarbanTEA e Aloumiña, que reivindicaron os seus dereitos e ratificaron o seu compromiso por unha sociedade máis igualitaria e máis xusta para as mulleres con discapacidade, con autismo e as que viven no rural.

Ademais, presentouse o vídeo Mulleres transformadoras onte e hoxe, realizado polas mulleres dos talleres de memoria da Cruz Vermella de Boiro e o grupo de voluntariado Turbina.

Asistentes ao acto celebrado en Boiro.

Asistentes ao acto celebrado en Boiro. / Cedida

Ambar presentou unha proposta escénica que, a través dos corpos e o movemento, busca visibilizar a diversidade de experiencias que atravesan ás mulleres na nosa sociedade, e que contou tamén coa colaboración de CenPliés cunha intervención artística que representa historias de loita, resiliencia e esperanza.

O alcalde, José Ramón Romero, pechou un acto que, afirmou, «nos convida a reflexionar e a renovar o noso compromiso, o do Concello e o de todos os boirenses, coa igualdade real entre homes e mulleres».

Ribeira coas mulleres do deporte

En Ribeira, o Concello puxo o foco nas ribeirenses que destacan no ámbito deportivo, nun acto presidido pola alcaldesa, María Sampedro, a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a gran referente do atletismo, Ana Peleteiro.

Un total de 32 mulleres foron homenaxeadas polo seu traballo e traxectoria no mundo do deporte, das que houbo presenza en múltiples disciplinas: kempo/kárate, remo, fútbol, pádel, atletismo, patinaxe, vela, natación, pilates, baloncesto, wellness, surf, taekwondo e monitoras da Fieteira. Susú Cores Ces, Clara Millares Sieira, Elena Rey Martínez ou María Vilas Vidal foron algunhas das distinguidas pola súa traxectoria.

Acto institucional e homenaxe ás deportistas en Ribeira.

Acto institucional e homenaxe ás deportistas en Ribeira. / Cedida

"Hoxe tivemos a oportunidade de visibilizar a unha representación local das mulleres no deporte con traxectorias e experiencias que nos falan de esforzo, de constancia e de superación. Algunhas o facedes de forma individual, pero outras tendes o orgullo de representar o voso equipo", afirmou a rexedora.

Catro das deportivas homenaxeadas coa alcaldesa e a concelleira de Igualdade.

Catro das deportivas homenaxeadas coa alcaldesa e a concelleira de Igualdade. / Cedida

Tamén se referiu ao compromiso do Concello. "Seguiremos apoiando iniciativas que promovan a igualdade e que contribúan a visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos da vida social. Porque avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria tamén significa recoñecer e poñer en valor ás persoas que, co seu exemplo, axudan a abrir camiños".

Manifesto en Lousame

En Lousame, o alcalde, Esteban Ares, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, presidiron o acto de lectura do manifesto institucional do Día da Muller. Unha cita que contou coa participación de concelleiros dos tres grupos municipais, veciños e veciñas, traballadores municipais e integrantes da asociación Amicos, que tamén deron lectura a uns textos sobre a muller e a igualdade.

Acto institucional do Día da Muller en Lousame.

Acto institucional do Día da Muller en Lousame. / Cedida

Silvia Agrafojo destacou que esta xornada é "un día para reflexionar, para recoñecer e tamén para renovar o noso compromiso coa igualdade. Unha data que nos invita a mirar ao noso redor e a pensar nas mulleres que forman parte da nosa vida, pero tamén para lembrar e agradecer o camiño que abriron tantas mulleres antes ca nós. Mulleres valentes que, con esforzo e sacrificio, fixeron posible que hoxe vivamos nunha sociedade máis xusta e con máis oportunidades".

Obradoiro de lactación

Mañá sábado, ás 11.00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá un obradoiro de lactación materna ofrecido por Alicia Conde, e unha hora máis tarde, no salón de plenos celebrarase a mesa redonda A muller en Europa, na que dez voluntarias europeas, sénior e xuvenil contarán as súas experiencias e as doutras mulleres noutros países e culturas.

As voluntarias participantes son Ogsanna Yeritsyan, Zhenya Yordanova, Ana Uvarova, Lorena García, Nerea Carnota, Carolina Castro, Flora Batalla, Maribel González, Soledad Souto e María Luísa Pazos.

E ás 13.30 horas, o alcalde de Lousame inaugurará a exposición As Mulleres na Biblia, cedida pola Fundación Museo de Artes de Ribeira.

TEMAS

Tracking Pixel Contents