Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PROPOSTA

O PSOE de Rianxo urxe medidas para garantir a seguridade ante a inquedanza de veciños e comerciantes

Demanda "respostas claras e rotundas para garantir a boa convivencia"

Imaxe difundida pola Policía Local para localizar ao presunto autor de varios hurtos.

Imaxe difundida pola Policía Local para localizar ao presunto autor de varios hurtos. / Cedida

Rianxo

O PSOE de Rianxo traslada a súa preocupación «pola crecente sensación de inseguridade que están a expresar veciños, veciñas e tamén parte do tecido comercial do municipio». Trátase dunha cuestión que, ao entender dos socialistas, «require atención e respostas claras e rotundas para garantir a tranquilidade e a boa convivencia».

O 13 de febreiro, representantes do PSOE mantiveron unha reunión co alcalde, Julián Bustelo, na que abordaron a necesidade «de reforzar determinadas medidas de seguridade», pero cren necesario que «estas conversas se traduzan en actuacións concretas».

Pechar a entrada de negocios

Aseguran que algúns establecementos comerciais «optaron por reforzar a súa seguridade con medios privados, mentres que outros tomaron decisións como pechar a entrada dos negocios por prudencia». Tamén se produciron intervencións puntuais das forzas de seguridade, engaden.

Reafirman a súa disposición a «colaborar e a traballar de maneira construtiva para que se adopten as medidas necesarias que permitan garantir que Rianxo sexa un lugar seguro para vivir, traballar e desenvolver a actividade comercial».

Tracking Pixel Contents