Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MEDIO AMBIENTE

O Hospital de Corais, froito da alianza entre Lonxa de Ribeira e Amicos, restaura máis de 700 gorgonias

Ambas entidades darán continuidade a un proxecto que conxuga inclusión social e compromiso ambiental

Representantes e activistas de Amicos co responsable da Lonxa de Ribeira.

Representantes e activistas de Amicos co responsable da Lonxa de Ribeira. / Cedida

Ribeira

A Lonxa de Ribeira renovou o seu convenio de colaboración con Amicos, reforzando unha alianza estratéxica que combina inclusión social, compromiso co medio mariño e responsabilidade social corporativa, e que permtirá dar continuidade ao Hospital de Corais.

Trátase dun espazo situado nas instalacións da lonxa no que se rehabilitan as gorgonias que as e os profesionais do mar capturan de forma accidental durante a súa actividade. Un proxecto que o converte nunha oportunidade de restauración ambiental dos fondos mariños e sensibilización ambiental.

O proxecto permitiu recuperar xa 700 gorgonias.

O proxecto permitiu recuperar xa 700 gorgonias. / Cedida

Desde a posta en marcha deste hospital mariño, os activistas de Amicos lograron restaurar máis de 700 gorgonias, que foron coidadas, recuperadas e devoltas ao seu hábitat natural. Un traballo minucioso que require coñecemento técnico, coordinación e, sobre todo, compromiso.

Neste proceso, o papel do sector pesqueiro é clave. A colaboración coas e cos profesionais do mar permite detectar, trasladar e dar unha segunda vida a estes organismos, fundamentais para a biodiversidade dos nosos fondos mariños.

O acordo foi asinado polo director xeral de Amicos, Xoán España, e polo xerente da Lonxa de Ribeira, Fernando Carreira, nun acto no que tamén estiveron presentes Pilar Sampedro, responsable do Centro de Atención Integral de Amicos, e varios activistas medioambientais da asociación, protagonistas do coidado e recuperación dos fondos mariños.

Coidar o mar e a natureza

Adriana Miguéns, portavoz e activista medioambiental de Amicos, destacou da súa labor que "para min é moi importante participar no Hospital de Corais. Aquí coidamos as gorgonias que chegan da pesca e axudámolas a recuperarse, para que despois volvan ao mar. A min gústame moito este traballo porque estamos axudando a coidar o mar e a natureza. Moitas grazas á Lonxa de Ribeira por colaborar con nós”.

Pola súa banda, Fernando Carreira puxo en valor a continuidade desta colaboración, subliñando o compromiso da lonxa ribeirense coa responsabilidade social e co activismo ambiental, apostando por iniciativas que contribúan á protección do ecosistema mariño.

Inclusión, formación e impacto ambiental

O Hospital de Corais é tamén un espazo de aprendizaxe e participación. Nel, persoas con discapacidade e alumnado en formación, como os integrantes do programa Dual Natura II, traballan man a man na restauración dos fondos mariños, adquirindo competencias e formando parte activa dun proxecto con impacto real.

"Esta alianza é un exemplo do compromiso da Lonxa de Ribeira coa preservación e coidado do medio mariño e o seu papel activo por mellorar o seu impacto social, económico e ambiental. Unha mostra de como a colaboración entre entidades pode xerar oportunidades, promover a inclusión e contribuír á conservación do noso patrimonio natural", subliñan dende Amicos.

Tracking Pixel Contents