A alcaldesa de Muros e dúas edís de Ames e Malpica participan en Cabo Verde nun foro sobre as mulleres na política local
O Fondo Galego de Cooperación impulsa o intercambio de experiencias para promover a participación igualitaria e o enfoque de xénero nese eido

María Lago, dereita, e Uxía García, ao fondo, décima pola dereita, coas demais participantes no encontro que se celebra en Cabo Verde, / Cedida
O II Encontro Internacional de Mulleres Electas As Elixidas reúne este xoves e o venres en Cabo Verde máis de 130 alcaldesas e concelleiras dese país, de Mozambique e de Galicia, entre elas a alcaldesa de Muros, María Lago, co fin de fomentar a participación efectiva das mulleres no poder local e impulsar políticas municipais con perspectiva de xénero.
Unha ducia de concellos galegos están representados nas xornadas que se celebran na cidade de Praia baixo o lema Electas no local, unha voz global, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV).
Entre as participantes figuran tamén a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Migración e Voluntariado de Ames, Uxía García Otero, e a segunda tenente de alcalde e edil de Educación, Cultura, Patrimonio, Deportes e Turismo de Malpica, Noelia Feijeiro Novo.
Coincidindo cos actos conmemorativos do Día Internacional das Mulleres, as alcaldesas de Muros, Cangas, Oímbra, Ponteareas, Salceda de Caselas e Burela -tamén presidenta da Deputación de Lugo-, xunto con oito concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, Santiago de Compostela e San Sadurniño, participan no evento, financiado pola Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.
“A incorporación das mulleres á política local resulta clave para promover a igualdade de xénero de xeito tanto específico como transversal. No entanto, os datos revelan un baixo grao de representación feminina en todos os ámbitos de decisión, tamén no eido municipal. Cómpre, por tanto, contribuír ao cumprimento da meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”, lembra María Lago.
Deste xeito, o programa de As Elixidas. II Encontro Internacional de Mulleres Electas Locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia non só conta con destacadas representantes municipais dos tres países, senón tamén con membros dos gobernos caboverdiano, español e galego e con persoas expertas de Nacións Unidas, do Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero ou da Universidade de Santiago de Compostela.
Ademais, no marco das xornadas, presentarase a Rede de Mulleres Autarcas Caboverdianas, inspirada no exemplo mozambicano que puideron coñecer na primeira edición do evento celebrada na Coruña en 2024.
Mesas de debate
Tras a constitución da devandita rede na mañá deste xoves 12 de marzo, arroupada polas representantes municipais de Galicia, terá lugar a apertura formal do encontro por parte das autoridades, entre as que se citan o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. A continuación desenvolverase a conferencia inaugural As mulleres no poder, a cargo da Ministra de Xustiza de Cabo Verde, Joana Rosa.
O primeiro panel, Mulleres na política local: barreiras, oportunidades e leccións aprendidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia, contará coa intervención de Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, e centrarase en identificar os principais obstáculos que dificultan o acceso e a permanencia das mulleres aos cargos municipais, a partir da experiencia propia, así como os factores que favorecen esta incorporación e as estratexias de sororidade que se poden adoptar.
O venres os traballos darán comezo coa mesa Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, na que intervirá a alcaldesa de Burela e presidenta provincial de Lugo, Carmela López. Esta sesión busca visibilizar e analizar políticas públicas que teñan xerado impactos positivos na igualdade de xénero a nivel local, así como explorar mecanismos institucionais que permitan transversalizar este enfoque.
A continuación, terá lugar o obradoiro Elaboración de políticas locais e orzamentos municipais sensibles ao xénero, que ofrecerá ferramentas prácticas para identificar desigualdades estruturais, abordar as necesidades de mulleres e nenas e garantir unha asignación equitativa dos recursos, achegando exemplos reais. Entre as dinamizadoras deste workshop atópase Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC.
A axenda pecharase o venres pola tarde, coa sesión de conclusións a cargo da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) e coa lectura e sinatura dunha declaración final por parte de todas as electas locais presentes, tras a que se celebrará a clausura oficial do evento.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 118 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.
- Sociólogos alertan: «El casco viejo de Santiago corre el riesgo de convertirse en un parque temático»
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- La compostelana Urovesa se sitúa en el centro de la estrategia de Defensa con un acuerdo para vehículos tácticos de 724 millones
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- No ganó, pero esta casa de Santiago se ha colado entre las nominadas a mejor obra del año
- Crujeiras refuerza la USC con tres delegaciones clave: Internacionalización, Salud y Estrategia Digital
- Luto en el comercio de Santiago: muere María de las Nieves Iglesias, propietaria de la histórica Sombrerería Iglesias
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo