O comercio do Barbanza alíase con Amicos para concienciar sobre o autismo
Os clientes serán agasallados con bolsas da campaña coas compras que realicen entre o 23 de marzo e o 12 de abril

Participantes na presentación da campaña. / Cedida
A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos presentou este xoves no seu Centro de Atención Integral de Boiro a campaña de sensibilización que desenvolverá este ano con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, que se conmemora o próximo 2 de abril.
Baixo o lema Rede que inclúe, a iniciativa busca visibilizar o Trastorno do Espectro Autista (TEA) implicando nesta ocasión ao tecido empresarial da comarca.
A campaña desenvólvese coa colaboración de varias asociacións de empresarios do Barbanza e arredores, que participarán activamente na súa difusión a través do comercio local.
O acto de presentación estivo conducido polo director xeral de Amicos, Xoán España, polas responsables de centros Pilar Sampedro e Nuria Fernández, e por unha alumna do CEEPR Amicos, Mariana Zurita, que foi tamén unha das protagonistas do encontro.
Á presentación asistiron ademais Tomás Estévez, xerente da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), e Karen Misela, membro da directiva de Amicos. Durante o evento explicouse o funcionamento da campaña, que inclúe a distribución de bolsas agasallo entre a clientela dos establecementos participantes.
Para conseguilas, as persoas que realicen compras entre o 23 de marzo e o 12 de abril deberán gardar o seu tícket e canxealo posteriormente no estand informativo de Amicos, que percorrerá os municipios de Ribeira, Padrón, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son entre o 28 de marzo e o 11 de abril.
En total, a entidade prevé repartir ao redor de 4.000 unidades ao abeiro desta iniciativa. A ilustración que decora as bolsas procede do concurso escolar de debuxo Autismo en liña, no que participaron máis dunha decena de aulas de distintos centros educativos da comarca.
A proposta seleccionada foi a elaborada por Mencía, alumna de 5º curso do Colexio Bayón de Ribeira, quen representou a súa visión do autismo a través da expresión artística.
Durante o acto, Mariana Zurita adiantou que “tamén enviaremos material e actividades para traballar nas aulas e sensibilizar sobre o autismo. Esperemos que os centros escolares se animen e as compartan en redes sociais. Aos concello pedirémoslles que iluminen de azul os seus edificios máis importantes e que coloquen unha pancarta de apoio ao autismo”.
Pola súa banda, Tomás Estévez subliñou que “esta campaña traballa a concienciación nos alumnos e nas familias sobre a visibilización do autismo, a diversidade, o coidado mediambiental con este tipo de bolsas reutilizables, a importancia do comercio local… Son fíos transversais que se van unindo e que conflúen en moitas dasw actividades e propostas que facemos as patronais, e por iso estamos aquí apoiando e sumándonos a esta iniciativa”.
Accesibilidade tamén nos espazos naturais No marco desta campaña, Amicos celebrará tamén o próximo 26 de marzo o acto central na sede do Parque Nacional Marítimo–Terrestre das Illas Atlánticas para presentar as adaptacións realizadas na illa de Sálvora en materia de accesibilidade cognitiva.
Esta acción permitirá adaptar o entorno natural mediante pictogramas e sinalización visual, co obxectivo de mellorar a comprensión do espazo e facilitar a autonomía e a inclusión de todas as persoas que visiten este enclave natural.
Con iniciativas como Rede que inclúe, Amicos continúa traballando para tecer alianzas entre entidades sociais, centros educativos e tecido económico, promovendo unha sociedade máis informada, accesible e inclusiva.
- Sociólogos alertan: «El casco viejo de Santiago corre el riesgo de convertirse en un parque temático»
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- La compostelana Urovesa se sitúa en el centro de la estrategia de Defensa con un acuerdo para vehículos tácticos de 724 millones
- No ganó, pero esta casa de Santiago se ha colado entre las nominadas a mejor obra del año
- Crujeiras refuerza la USC con tres delegaciones clave: Internacionalización, Salud y Estrategia Digital
- Luto en el comercio de Santiago: muere María de las Nieves Iglesias, propietaria de la histórica Sombrerería Iglesias
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo