Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A reforma integral da rúa Real de Muros entra na súa última fase

Durante o mes de febreiro actuouse nas redes e servizos, para dar paso agora á pavimentación e instalación da pedra

Laura Rivadeneira visitou as obras da rúa Real.

Laura Rivadeneira visitou as obras da rúa Real. / Cedida

Muros

As obras da segunda fase da humanización e renovación dos servizos básicos da rúa Real de Muros entran na súa última etapa. Esta actuación supuxo un investimento de 240.000 euros.

“Durante o mes de febreiro desenvolvéronse actuacións significativas nas distintas redes e servizos incluídas no proxecto, e continuou a demolición dos pavimentos existentes, apertura de caixas e compactación de fondos”, explica Laura Rivadeneira, concelleira de Obras de Muros.

Polo que respecta á rede de abastecemento, instaláronse tubaxes de PEAD, válvulas de comportas, acometidas domiciliarias, as arquetas e os hidrantes.

No saneamento, procedeuse á excavación e recheo de zanxas, colocación de tubaxes, reposición de acometidas e conexión a pozos de rexistro.

No apartado das augas pluviais, fixéronse as conexións a sumidoiros e as arquetas precisas. Avanzouse tamén na reposición de servizos urbanos como a enerxía eléctrica, telecomunicacións ou alumeado público.

“Esta semana comezaron a instalar a pedra; a rúa levará unha pedra central ancha para facilitar a accesibilidade e chapacuña, porque así o recolle o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Muros”, engade Rivadeneira.

Tracking Pixel Contents