Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Deputación da Coruña entrega dous novos vehículos a entidades sociais de Ribeira e Muros

As beneficiarias son a Fundación Faiben e a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros

Caridad González e Mar García, segunda e terceira pola esquerda.

Caridad González e Mar García, segunda e terceira pola esquerda. / Cedida

Muros

A Deputación da Coruña vén de facer entrega de dous novos vehículos destinados a reforzar a mobilidade e a atención ás persoas usuarias de entidades sociais das comarcas de Barbanza e Muros-Noia.

A primeira das entregas tivo lugar en Ribeira, no marco da visita institucional do presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Durante o acto, no que tamén participaron a deputada de Política Social, Mar García Vidal, e a alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, fíxose entrega dunha nova furgoneta á Fundación Faiben, entidade que desenvolve un importante labor de atención a nenos e nenas en situación de vulnerabilidade.

O vehículo permitirá mellorar o funcionamento da Casa de Familia Faiben de Ribeira, un recurso residencial que acolle menores que se atopan baixo garda ou tutela da Xunta de Galicia.

A nova furgoneta facilitará os desprazamentos diarios para actividades escolares, terapias, citas médicas, reunións con profesionais e actividades culturais e deportivas, contribuíndo a garantir unha atención máis completa e personalizada aos nenos e nenas atendidos pola entidade.

Valentín González, centro, con autoridades locais e representantes da Fundación Faibén, en Ribeira.

Valentín González, centro, con autoridades locais e representantes da Fundación Faibén, en Ribeira. / Cedida

E en Muros, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, acompañada da primeira tenente de alcaldesa e concelleira de Cultura, Turismo e Facenda, Caridad González Cerviño, fixo entrega dun novo vehículo adaptado á Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (Adisbismur).

Este novo recurso permitirá reforzar o servizo de transporte adaptado que a entidade presta ás persoas usuarias do Centro de Recursos de Valadares, que integra servizos de centro ocupacional e centro de día.

Actualmente, o centro atende a máis de medio cento de persoas con discapacidade procedentes de varios concellos da comarca e desenvolve programas de apoio terapéutico, formación, rehabilitación e integración social.

O transporte adaptado resulta esencial para garantir o acceso das persoas usuarias ás actividades do centro e aos distintos servizos de atención, especialmente nun territorio con forte dispersión xeográfica.

O novo vehículo contribuirá a mellorar as rutas existentes e a facilitar a incorporación de novas persoas usuarias procedentes de diferentes concellos da contorna.

Tracking Pixel Contents