Bustelo presenta "o orzamento máis alto da historia de Rianxo", de 12,1 millóns de euros
Contempla a primeira RTP, a creación de prazas para Intervención, Tesouraría, Urbanismo e Servizos Sociais, unha nova pista polideportiva e a senda Taragoña-Araño

Julián Bustelo presentou este martes os orzamentos municipais de 2026. / Cedida
O Goberno municipal de Rianxo, que preside Julián Bustelo (Rianxo en Común) presentou o orzamento para o exercicio 2026, que ascende a 12.144.746,94 €. Trátase do orzamento máis elevado da historia de Rianxo, o que supón un incremento do 30,89% con respecto ás contas do ano 2024.
Unha vez ditaminado na comisión informativa de Contas, Servizos Económicos e Administración Xeral, o orzamento someterase á consideración do pleno da Corporación para a súa aprobación inicial, se procede.
“Presentamos estes orzamentos despois de escoitar moitos veciños, asociacións e colectivos durante todo este tempo. A través deste orzamento de récord, que demostra a capacidade de xestión deste Goberno, priorizamos aquelas cousas que consideramos máis importantes para a veciñanza e para o funcionamento da administración. O que buscamos é que cada euro volva á veciñanza en forma de servizo, en forma de novas oportunidades e en forma de calidade de vida”, destacou Bustelo.
Prioridades e principais novidades
Unha das principais novidades deste orzamento é a consignación de 300.000 € para comezar a executar a que será a primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Rianxo. Un documento que neste momento se atopa na súa fase final de negociación e que axiña se elevará tamén ao pleno da Corporación para a súa aprobación.
Neste senso tamén hai que sinalar a aposta por seguir mellorando os recursos humanos do Concello, coa previsión de incorporar novas prazas para os departamentos de Intervención, Tesouraría, Urbanismo e Servizos Sociais.
No orzamento para o exercicio 2026 séguese priorizando o gasto en mantemento de infraestruturas municipais, dende accesos a núcleos ata zonas verdes. A este súmanse importantes investimentos orientados a seguir avanzando en prestacións para o conxunto da veciñanza. Entre eles cabe destacar a previsión de creación dun nova pista polideportiva na vila, a rehabilitación do Pazo de Rianxiño para convertelo en centro de día, o acondicionamento da parcela situada a carón do auditorio para crear un gran parking público ou a construción dunha senda peonil entre Taragoña e O Araño.
Dáselle continuidade a logros acadados nestes últimos anos, como o servizo de conciliación Rianxo Madruga e as axudas destinadas a apoiar as actividades das ANPA do municipio. Ademais, increméntase o importe destinado a axudas para a adquisición de material escolar coa finalidade de seguir chegando a máis familias.
Tamén se lle dá continuidade ás axudas destinadas a apoiar a apertura de novos comercios no municipio, así como á achega para apoiar a actividade da confraría.Tamén aumentan as axudas destinadas a apoiar a actividade dos clubs e entidades deportivas do municipio. Unhas subvencións que no pasado ano seguiron, por vez primeira, o procedemento por concorrencia competitiva.
O orzamento recolle tamén investimentos nos campos de fútbol e outras instalacións municipais para seguir mellorándoas.
Ingresos
Os ingresos directos ascenden a 2.995.174,05 €, supoñen un 24,66% do total de ingresos e son un dos piares do funcionamento municipal.
O principal tributo é o IBI, o cal supón o 75,60% deste capítulo. Os impostos indirectos, que ascenden a 517.082,27 € e representan o 4,26%, suben considerablemente polo efecto do ICIO a consecuencia dos importantes investimentos rexistrados no municipio e, en concreto, no parque empresarial.
Por outra banda, as taxas, prezos públicos e outros ingresos ascenden a 1.224.667,39 €, o 10,08% do total; as transferencias correntes son de 5.595.847,37 € e representan o 46,08%; os ingresos patrimoniais son de 4.760,00 €, o 0,04%. A través destes cinco capítulos de operacións correntes acádanse uns ingresos de 10.337.531,08 €, é dicir, o 85,12% do total dos ingresos.
Ademais, as operacións de capital ascenden a 1.378.020,02 € (11,35%).
Por último, as operacións financeiras ascenden a 429.195,84 € (3,53%): os activos financeiros son 20.000 € (0,16%) e os pasivos financeiros son de 409.195,84 € (3,37%).
Gastos
O apartado de gastos de persoal supón 3.731.339,14 € (30,72%); a gastos correntes en bens e servizos dedícanse 5.695.430,38 € (46,90%); a gastos financeiros, 52.750,00 € (0,43%); a transferencias correntes, 365.865,41 € (3,01%); e a investimentos reais, 1.977.909,72 €.
En canto ao apartado das operacións financeiras, está composto por dous capítulos: activos financeiros, con 20.000 €, e os pasivos financeiros, con 301.452,29 €. En total, as operacións financeiras contemplan un gasto total de 321.452,29€ e supoñen o 2,65% do total do apartado de gastos.
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El ascensor que vuelve a poner a Santiago en la élite de la arquitectura mundial
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- De Arzúa a 'La Isla de las tentaciones': esta es la nueva pareja que se une al popular 'reality' de Mediaset
- Santiago se queda sin aeropuerto 35 días: fechas, motivos, alternativas y el impacto económico
- Un popular influencer gastronómico se rinde a un restaurante 'de pueblo' a media hora de Santiago: 'Va a ir a tu lista
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un autobús atascado colapsa el tráfico en el periférico de Santiago durante más de dos horas