MÚSICA
Kid Kapichi e Big Special, cabezas de cartel do Castelo Rock 2026 de Muros
Celebrarase do 6 ao 8 de agosto cun formato máis íntimo e próximo ao público.

Kid Kapichi, unha das formacións máis combativas do punk británico actuará en Muros. / Cedida
O festival Castelo Rock celebrará a vinte e dúas edición os días 6, 7 e 8 de agosto en Muros. Tras máis de dúas décadas, continúa consolidándose como un dos proxectos culturais independentes máis recoñecidos de Galicia, mantendo unha identidade baseada na música en directo, na proximidade co público e na relación coa contorna.

Cartel promocional do Castelo Rock 2026 de Muros / Cedida
Organizado pola ACRD Praia do Castelo, o festival Castelo Rock naceu en 2003 como unha iniciativa cultural impulsada desde o tecido asociativo local. A edición de 2026 continúa coa liña iniciada no último ano, apostando por un formato máis íntimo e integrado na vila, afastado das dinámicas dos grandes eventos masivos.
O escenario principal de pago estará situado na Praza do Mercado, cun aforo limitado a 700 persoas, o que permitirá unha experiencia máis próxima entre artistas e público.
Mestura de escenas e xeracións
O cartel do Castelo Rock 2026 reúne artistas procedentes de diferentes escenas musicais, combinando proxectos consolidados con novas voces da música contemporánea.

A banda madrileña Parquesvr é unha das convidadas ao festival. / Cedida
Entre as bandas internacionais destaca a presenza de Kid Kapichi, unha das formacións máis combativas do punk británico actual, e do dúo inglés Big Special, coñecido polo seu estilo que mestura punk, spoken word e soul cun forte compoñente social.
No ámbito estatal, o festival contará con Parquesvr, banda madrileña que se converteu nun dos nomes máis singulares do post-punk recente grazas ao seu estilo irónico e ás súas letras afiadas, e con Viva Belgrado, referente do post-hardcore e do rock alternativo estatal, cunha traxectoria consolidada en escenarios de toda Europa.

O artista local Xian Pais completa o cartel da edición 2026. / Cedida
A escena galega terá tamén un papel protagonista con propostas que reflicten a diversidade musical actual. A Orquestra Bravú Xangai reunirá sobre o escenario a varios nomes históricos do movemento bravú nun proxecto colectivo de espírito festivo; a artista viguesa LAW achegará unha proposta que fusiona electrónica, reggae e música de raíz con letras de forte carga social; mentres que Nadie González, rapeira da escena galega emerxente, presentará un directo marcado pola introspección e a personalidade das súas letras.
O cartel complétase con proxectos vinculados á nova xeración de artistas locais como Xián Pais, representante da escena urbana galega procedente da contorna de Muros, reforzando así o compromiso do festival co talento de proximidade.
Un festival no centro histórico
Ademais dos concertos nocturnos no escenario principal, o festival estenderase durante tres días por diferentes espazos do centro histórico de Muros, con actuacións gratuítas que completarán a programación do festival.
Artistas como Tete de la Course, Saraiba, Martin Human ou True Mountains, entre outros, formarán parte desta programación paralela que levará a música a distintos recunchos da vila, convertendo Muros nun escenario aberto no que público e artistas conviven durante toda a xornada.
Entradas xa á venda
As entradas para o escenario principal do festival xa están dispoñibles a través da plataforma Enterticket, cun prezo xeral de 20 euros. As persoas socias da ACRD Praia do Castelo contarán cun desconto especial na compra da súa entrada, como parte das vantaxes vinculadas á súa participación na asociación organizadora.
Máis de dúas décadas de música
Tras máis de vinte anos de historia, o Castelo Rock continúa defendendo unha idea simple: que a música en directo pode ser unha ferramenta para xerar comunidade, dinamizar o territorio e fortalecer a vida cultural dunha vila.
- Nuevo cierre en el comercio de Santiago: entra en concurso de acreedores y se despide tras más de 20 años en el Ensanche
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Galicia abre la puerta de la vivienda pública a miles de gallegos más con prioridad para las familias jóvenes con hijos
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Así es la casa de Santiago que opta a los Premios Arquitectura 2026: 'No busca ocultar ni sustituir lo existente
- Un camión queda atrapado debajo de Área Central por no respetar la altura máxima del paso subterráneo
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- Alcaldes y patronal de Arzúa y Melide claman por un fin de obras en la A-54 que no ven próximo