Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FORO

A Xunta defende na Pobra unha formación flexible e adaptada ao tecido produtivo

Impulsará un decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego

Representantes autonómicos, alcaldes e alcaldesas, e membros da asociación empresarial.

Representantes autonómicos, alcaldes e alcaldesas, e membros da asociación empresarial. / X.

A Pobra

A Asociación de Empresarios, Comerciantes e Autónomos da Pobra do Caramiñal organizou un foro no que se avaliou o futuro dos sectores empresarial, comercial e marítimo na comarca de Barbanza, ao que se sumaron o conselleiro de Emprego, José González, e a súa homóloga de Mar, Marta Villaverde.

Dende a Xunta consideran clave ofrecer unha formación flexible e adaptada á realidade do tecido produtivo para promover a remuda xeracional en sectores como o da pesca. A conselleira do Mar salientou ademais a formación especializada que se imparte nas escolas marítimo-pesqueiras dependentes da Xunta.

Microcredencias para o emprego

José González anunciou a posta en marcha dun decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Permitirá que empresas, clústeres, asociacións e colexios profesionais poidan deseñar, impartir, avaliar e mesmo emitir microcredenciais adaptadas ás súas necesidades específicas, sempre baixo a regulación e supervisión da Xunta.

Lembrou ademais as ordes redeseñadas con prazo de solicitude aberto, como a de accións formativas para persoas desempregadas AFD, da que esta semana se publicará a ampliación de crédito de 20 M€, ou o programa Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas (10,6 M€). A elas súmanse o programa Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas, dotado con 8,5 M€, ou as axudas destinadas á formación para persoas ocupadas, cun orzamento de 4 M€ e tamén con prazo de solicitudes aberto.

Compromiso cos autónomos

En canto ás persoas traballadoras autónomas, González puxo de relevo o compromiso autonómico con este colectivo, con apoios de máis de 42 M€, dos que preto de 41 son da orde unificada, aberta ata o 30 de setembro e estruturada para cubrir todas as fases do emprendemento.

Tamén se referiu ao papel da Rede de polos de emprendemento, que na provincia da Coruña conta con tres sedes —Ferrol, Melide e Coristanco—, nas que se levan atendido uns 1.800 proxectos. Esta ferramenta é o núcleo da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en fase de consultas.

Neste ámbito, salientou o comercio como motor de dinamización das vilas como A Pobra do Caramiñal e os apoios autonómicos a este sector enmarcados no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para afrontar retos como a dixitalización ou a remuda xeracional.

Ensinanzas pesqueiras

Pola súa banda, Marta Villaverde subliñou que a Xunta destina este ano preto de 12,4 M€ ao programa de ensinanzas pesqueiras, o que supón un incremento do 9,5%.

Este orzamento permite consolidar unha rede autonómica de grandes centros de vangarda formado por tres escolas náutico-pesqueiras situadas en Vigo, Ribeira e Ferrol, ao que hai que sumarlle o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa.

Para facilitar o acceso á formación, Villaverde lembrou a tramitación da nova orde que simplifica os trámites para a obtención das titulacións que serven de porta de entrada ao mar.

Ademais, destacou como novidade o impulso, por primeira vez, dunha liña de axudas dotada con 350.000 euros para apoiar a formación práctica dos estudantes a bordo dos buques.

Estes fondos, cofinanciados polo Fempa, están dirixidos a compensar os gastos dos armadores que colaboren acollendo aos estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros, facilitándolles así ese primeiro e transcendental contacto co mar.

Confrarías e organizacións de produtores

Por último, a conselleira referiuse ao papel fundamental que xogan as confrarías e organizacións de produtores, para as que se destinan este ano 800.000 euros en axudas específicas de formación.

Na mesma liña de asegurar o futuro e a remuda do sector, Marta Villaverde fixo fincapé no respaldo ao emprendemento marítimo a través da convocatoria de apoios para aqueles tripulantes que desexen adquirir o seu primeiro barco pesqueiro.

TEMAS

Tracking Pixel Contents