O PSdeG carga contra o nomeamento de Freire en Educación: "Investigado polo Consello de Contas e rodeado de polémicas"
A formación critica que Rueda designase director territorial ao exalcalde de Noia, "coñecido polos seus chistes machistas e franquistas"

O deputado autonómico do PSdeG Aitor Bouza. / Cedida
O O PSdeG da provincia da Coruña denuncia o “total desinterese” da Consellería de Educación por atender as necesidades reais da comunidade educativa da provincia, tras o nomeamento do exalcalde de Noia, Santiago Freire, como novo director territorial de Educación na Coruña.
Os socialistas consideran que esta designación evidencia que a Xunta “non só non rectifica ante o malestar das familias, senón que afonda no seu desprezo polo mundo educativo”.
Neste sentido, lembran que na última reunión da Executiva Provincial coa Federación Provincial de ANPA se puxo de manifesto a "fonda preocupación das familias pola situación do ensino público, marcada polas carencias en obras e melloras nos centros, así como polos recortes de profesorado que afectan á provincia".
Ademais, segundo trasladaron as ANPA ao PSdeG, o anterior director territorial "non recibiu a federación en todo o curso, malia as reiteradas demandas e ao crecente malestar da comunidade educativa". Para os socialistas, lonxe de atender esta situación, a resposta da Consellería foi un nomeamento que cualifican de “absolutamente desacertado”.
“Na última reunión que tivemos da Executiva Provincial coa Federación Provincial de ANPA, ademais de valorar a indignación das familias polo desastre nas carencias de obras nos centros públicos e os recortes de profesorado na provincia, alertaron de que o director territorial non as recibiu en todo o curso. Que a resposta da Consellería sexa nomear a Santiago Freire amosa que, en vez de rectificar, a Consellería despreza o mundo educativo”, sinalan desde o PSdeG provincial.
Pola súa banda, o deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia Aitor Bouza criticou con dureza a designación do exalcalde de Noia como novo responsable territorial de Educación na provincia da Coruña. “Despois dos seus chistes machistas, despois dos seus chistes franquistas e despois de que o Consello de Contas o fiscalizara e estea investigando os seus gastos como exalcalde de Noia, Alfonso Rueda decide nomealo director territorial de Educación”, denunciou Bouza.
O portavoz socialista de Educación no Parlamento galego ironizou con que esa é “a conduta que quere como modelo o Partido Popular para un posto tan importante” nun ámbito “tan sensible” como o educativo.
Bouza lamentou “profundamente” que esta sexa “a aposta” do presidente da Xunta para a dirección territorial de Educación na Coruña e advertiu que este nomeamento "marca unha liña política moi preocupante". “Como lle pasou a Feijóo, polas súas compañías os coñeceremos. Xa imos vendo por onde quere continuar Rueda o seu mandato no ámbito educativo”, concluíu.
Desde o PSdeG da provincia da Coruña insisten en que "a prioridade da Xunta debería ser dar resposta ás demandas da comunidade educativa, atender as familias e traballar para resolver os problemas reais que padecen os centros públicos da provincia".
Os socialistas reclaman á Consellería de Educación "que abandone a súa actitude de desatención e soberbia, recupere o diálogo coas ANPA e co conxunto da comunidade educativa e poña no centro das súas decisións as necesidades do alumnado, do profesorado e das familias".
- Nuevo cierre en el comercio de Santiago: entra en concurso de acreedores y se despide tras más de 20 años en el Ensanche
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Galicia abre la puerta de la vivienda pública a miles de gallegos más con prioridad para las familias jóvenes con hijos
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Así es la casa de Santiago que opta a los Premios Arquitectura 2026: 'No busca ocultar ni sustituir lo existente
- Un camión queda atrapado debajo de Área Central por no respetar la altura máxima del paso subterráneo
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- Alcaldes y patronal de Arzúa y Melide claman por un fin de obras en la A-54 que no ven próximo