Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Deputación promociona o turismo industrial e o patrimonio enogastrónomico de Barbanza na feira B-Travel de Barcelona

A proposta provincial pon en valor a tradición conserveira e os viños da IXP Terras de Barbanza e Iria como recurso turístico diferencial

Barbanza-Arousa aposta polo turismo industrial e gastronómico vinculado á conserva e aos viños Terras de Barbanza e Iria.

Barbanza-Arousa aposta polo turismo industrial e gastronómico vinculado á conserva e aos viños Terras de Barbanza e Iria. / Cedida

Ribeira

A Deputación da Coruña participa un ano máis en B-Travel, a feira internacional de turismo que se celebra en Barcelona do 20 ao 22 de marzo. Como en edicións anteriores, a área de Turismo da institución, que dirixe Xosé Regueira, leva a este foro a súa aposta polo turismo industrial como un dos eixos estratéxicos da súa oferta turística.

No marco do espazo B-Industrial, unha área temática especializada en turismo industrial dentro do salón, a Deputación presentará este sábado día 21 a proposta titulada Historia da conserva na provincia da Coruña, centrada na posta en valor do patrimonio industrial e gastronómico vinculado ao sector conserveiro.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, subliña que as políticas provinciais se deben orientar a «fortalecer os sectores produtivos» e a «construír experiencias auténticas baseadas na identidade galega».

Neste senso, reivindica o potencial do rural «como espazo estratéxico e cheo de vitalidade, capaz de ofrecer experiencias verdadeiras ao tempo que se preservan os valores propios».

Unha industria con arraigo no territorio

A presentación da Deputación da Coruña afonda na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como Barbanza Arousa, onde esta industria contribuíu a conformar a paisaxe, a economía e a identidade social.

A proposta pon o foco na calidade dos produtos do mar, tanto frescos como en conserva, e na súa vinculación coa cultura local, así como na maridaxe cos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras de Barbanza e Iria.

Neste sentido, a Deputación dá continuidade á estratexia de promoción do turismo industrial e enogastronómico que levou ás anteriores edicións desta feira; neste caso, impulsando experiencias que permiten coñecer tanto o pasado como o presente da industria conserveira e vitivinícola, a través de visitas a instalacións, degustacións e propostas que conectan o patrimonio co turismo experiencial.

A participación da Deputación neste evento responde ao obxectivo de consolidar o turismo industrial e gastronómico como un dos piares da súa estratexia turística, promovendo a provincia como un destino singular baseado na autenticidade, na identidade propia e na calidade das súas experiencias.

Tracking Pixel Contents