Rianxo acolle este sábado a estrea de 'Coralinda', o novo espectáculo teatral de Elefante Elegante
A obra propón unha mirada sobre a inmigración e o medo ao diferente a través do humor e cunha estética próxima aos debuxos animados

Pola esquerda, Julio Alcalde Hermo, Jacobo Sutil, Penélope López Díaz, María Torres e Gonçalo Guerreiro. / Vanessa Rábade
A compañía Elefante Elegante presentou este venres no auditorio de Rianxo o seu novo espectáculo infantil e familiar, Coralinda, que se estreará en Galicia este sábado, 21 de marzo, ás 19.00 horas, no mesmo espazo.
No acto participaron, en representación da propia compañía, os creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro, xunto ao elenco da obra, Sofía Espiñeira e Pablo Sánchez, así como Penélope López Díaz, concelleira de Cultura de Culleredo; Cristina Pardo Portos, primeira tenente de alcalde de Culleredo; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); e Julio Alcalde Hermo,
concelleiro de Educación e Cultura de Rianxo.
Durante o acto, a compañía amosou algunhas escenas da peza e compartiu as claves dunha proposta escénica que aborda a inmigración e o medo ao diferente a través do humor, a emoción e unha potente linguaxe visual.
Dirixida a público a partir dos tres anos, Coralinda inspírase no universo dos debuxos animados para construír unha comedia xestual sen palabras, accesible e universal, que convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que se ven obrigadas a deixar o seu fogar na procura dun lugar mellor.
A obra
Nun lugar cincento vive un home vestido de cincento que manipula unha serie de caixas... cincentas. Un día, chega unha muller. Ven cantando e bailando alegremente. Trae un vestido colorido e unha actitude exuberante que non deixa a ninguén indiferente. Así que ve ao señor, diríxese a el. Pero este, desconfiado ante expresividade dos xestos dela e o volume da súa música, constrúe un enorme muro que lle impide entrar. Ela tenta decirlle que as súas intencións son pacíficas e amigables, pero o home amósase indispoñible a comunicar coa visitante.
Será que estas dúas persoas, aparentemente tan opostas, serán quen de construír un lugar diferente, onde collan moitas máis cores e máis persoas?
O espectáculo aborda a temática da inmigración e do medo ao que é diferente a través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico; a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá.
O proxecto conta coa subvención da Agadic e está coproducido polo Concello de Culleredo e por Trigo Limpo Teatro Acert. Colaboran ademais os concellos de Carral e Rianxo.
A compañía
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais.
Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral.
O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.
A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia en 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos.
En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo, onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013, sendo o máis recente o recibido en 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.
- Nuevo cierre en el comercio de Santiago: entra en concurso de acreedores y se despide tras más de 20 años en el Ensanche
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Galicia abre la puerta de la vivienda pública a miles de gallegos más con prioridad para las familias jóvenes con hijos
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Así es la casa de Santiago que opta a los Premios Arquitectura 2026: 'No busca ocultar ni sustituir lo existente
- Un camión queda atrapado debajo de Área Central por no respetar la altura máxima del paso subterráneo
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- Alcaldes y patronal de Arzúa y Melide claman por un fin de obras en la A-54 que no ven próximo