Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

A pianista Elsa Muñiz abre o Ciclo Primavera de música de expresión culta en Rianxo

Ata o 23 de maio subirán ao escenario Dúo Viraxe, Cuarteto MarAslens, Orfeón Terra a Nosa, Dúo Aire e Lucus Ensemble

A pianista Elsa Muñiz ofrecerá o primeiro concerto o día 27 de marzo en Rianxo.

A pianista Elsa Muñiz ofrecerá o primeiro concerto o día 27 de marzo en Rianxo. / Cedida

Rianxo

A Sala Arcos Moldes do auditorio de Rianxo acollerá do 27 de marzo ao 23 de maio o Ciclo Primavera 2026, que nace coa intención de promover e difundir a música de expresión culta entre aquelas persoas pouco inclinadas ou coñecedoras do xénero, contribuíndo ademais á educación cultural e á ocupación valiosa do tempo de lecer da veciñanza.

Cartel promocional do Ciclo Primavera de Rianxo.

Cartel promocional do Ciclo Primavera de Rianxo. / Cedida

O primeiro concerto correrá a cargo da pianista Elsa Muñiz. Será o día 27 de marzo ás 20.30 horas. Xa en abril, o día 10, subirán ao escenario o Dúo Viraxe, formado por Félix Rodríguez (bombardino) e Magdalena Argibay (piano).

O cuarteto MarAslens, integrado por Esperanza Mara (voz e chelo), Juanma Varela (piano), Fernando Docampo (violín e instrumentos de sopro) e Luís Sanmartín (percusión e batería), será o protagonista do terceiro concerto o día 24 de abril. Ao día seguinte actuará o Orfeón Terra a Nosa, que celebra o seu 60 aniversario.

En maio, o día 8, será o turno do Dúo Aira, formado por Aitana Alcalde (fagot) e Aldara Muíños (clarinete), e pechará o ciclo Lucus Ensemble, o día 23, cun percorrido musical pola obra de Castelao.

Todas as actuacións comezarán ás 20.30 horas.

Para amantes da música

Dende a Área de Educación e Cultura de Rianxo sinalan que puxeron un "especial coidado en configurar un programa que resultara atractivo a aquelas persoas amantes deste tipo de música, e da música en xeral, curiosos, alumando de ensino primario e secundaria e, en definitiva, para calquera persoa interesada e participante na cultura nas súas distintas presentacións".

TEMAS

Tracking Pixel Contents