FESTIVAL
O Bruón Folk Fest de Ribeira converterá Artes en epicentro do folclore galego
Previamente, o 28 de marzo haberá foliada bruona con dezaseis grupos

Ana Barreiro e Fernando Abraldes cos membros da organización na presentación. / Cedida
Ribeira quece motores cara as festas do verán, e unha das primeiras citas será o Bruón Folk Fest, que se celebrará o 8 e 9 de maio, organizada pola Asociación Cultural Os Liantes coa colaboración das concellerías de Cultura e Festexos, e empresas locais.
Como antesala, o sábado, 28 de marzo, haberá unha foliada bruona baixo o lema O bruído que nos xunta, a partir das 19.30 horas, na carpa de usos múltiples.
Dezaseis grupos tradicionais farán desfrutar ao público asistente coa música e baile do folclore galego: Andavía Acordeonistas, Silvaveiras, As Ferreñas, As Garridiñas, Espiñeira, O Facho, Nunca é Tarde, Aroña, Rumbía, D’Palique, Os da Boina, Arrancadeira, A Foliada do Montiño, Mar de Cabo, Os Pequenos do Barbanza e Bailadela con As 7 linguas da Asociación Francisco Lorenzo Mariño. Ademais, faranse sorteos e levaranse a cabo actividades co fin de recadar fondos para o festival.

Cartel da foliada do Bruón Folk Fest 2026, de Ribeira. / Cedida
A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, puxo en valor o Bruón Folk Fest, pois "é un evento moi importante para a cultura e a música tradicional galega", que descentraliza as accións lúdicas da cidade para levalas ao rural, concretamente, á parroquia de Artes. "Nome de parroquia máis que acaído por este festival, o museo etnográfico e o Mugart", apuntou.
O edil de Festexos, Fernando Abraldes, sinalou que "é un evento para celebrar a nosa cultura" que medra cada ano, erixíndose como unha actividade interxeracional. Agradeceu o traballo da entidade promotora para manter o espírito desta festa "máis vivo ca nunca".
Estrutura da terceira edición
A programación da terceira edición do Bruón Folk Fest concentrarase en dúas xornadas; un festival que "evoluciona dunhas foliadas a outro formato máis grande", en palabras do secretario da Asociación Cultural Os Liantes, Ventura Otero, para dar un paso máis e facer unha experiencia con moita actividade.
O venres, 8 de maio, haberá unha mesa redonda na que se porá o foco no mundo da comunicación con motivo do Día das Letras Galegas e da homenaxeada neste 2026: a xornalista e escritora Begoña Caamaño.
E, se no ano pasado, a Banda Bruona logrou reunir aos antigos membros da Banda de Gaitas de Artes, nesta ocasión apóstase por un gran concerto colaborativo que servirá para o recordo e a irmandade.
Creatividade
Diversos artistas locais unirán o seu talento sobre o escenario para dar a coñecer toda a creatividade de Ribeira e do Barbanza. Como broche de ouro a ese primeiro día, o rito da queimada fundirase coa enerxía do grupo ourensán Five Pipers.
Para o sábado, 9 de maio, proxéctase o Espazo Bruonciño, unha área dedicada en exclusiva ao público infantil que, como novidade, contará cun parladoiro cunha persoa recoñecida no ámbito da música galega.
O programa completarase coa sesión vermú, actividades e xogos para os máis maiores e un obradoiro de baile impartido por unha figura de recoñecido prestixio do eido tradicional.
Xa na noite será a quenda dos concertos, onde as voces femininas e o baile terán un papel central, ademais de agarimo para os galegos e galegas que, dende a distancia, difunden a música fóra de Galicia. Finalmente, as voces soarán ao unísono para interpretar o Himno Bruón como peche do festival.
Estrea da camiseta de 2026
O presidente da entidade, Pablo Silva, tamén na compaña do vogal, Jorge Maño, desvelou que a camiseta deste ano recupera o concepto do Boi Bruón poligonal, obra do artista Andrés Paz. Poderase adquirir xa na propia foliada do 28 de marzo a un prezo de 15 euros.
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo
- La compostelana Urovesa suministrará 12 vehículos Vamtac aerolanzables al Ejército para reforzar su capacidad operativa
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- Un escritor gallego hace historia al ganar uno de los galardones de relatos más prestigiosos del mundo
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Una vecina de Figueiras relata el temor ante los robos: 'Tengo dos hijos que ya empezaban a quedarse solos en casa, pero ahora tienen miedo
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- Juan Díaz Villoslada asume este miércoles la gerencia de la Universidade de Santiago