Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

REDE CULTURAL

Muros acolle un foro para repensar a relación entre mocidade e cultura

O encontro, promovido pola Deputación da Coruña, celebrarase o xoves 26 no Centro Cultural e Xuvenil

Natividade González, esquerda, María Lago e Roberto Pascual presentaron o foro.

Natividade González, esquerda, María Lago e Roberto Pascual presentaron o foro. / D. C.

Muros

O Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá este xoves, día 26 ás 16.00 horas, o segundo Foro de Traballo da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que foi presentado no Museo do Mar pola deputada de Cultura, Natividade González, a alcaldesa María Lago, e o coordinador das xornadas formativas Roberto Pascual.

Natividade González destacou que «é moito máis que un encontro puntual», xa que estes foros funcionan como espazos de traballo «moi pegados á realidade, cun carácter práctico, pero tamén reflexivo», nos que se combina a formación co intercambio de ideas. A deputada subliñou que estas iniciativas nacen co obxectivo de «mellorar a calidade do servizo cultural público que ofrecemos á cidadanía» e parten da idea de que «a cultura é un traballo compartido».

Implicación dos axentes culturais

Nese sentido, incidiu na importancia da implicación de todos os axentes culturais, desde a creación ata a distribución e o propio público, para avanzar nun modelo máis sólido e participativo. Segundo explicou, o que se procura é seguir fortalecendo un servizo público esencial para a cohesión social, incorporando ademais unha ollada transversal na que a accesibilidade e a inclusión estean sempre presentes.

A deputada puxo o foco no tema central desta segunda edición do foro, a relación entre a mocidade e a cultura, e convidou a repensar os enfoques actuais. «Falamos moito de que á xente nova lle custa achegarse á cultura, pero quizais o que temos que facer é preguntarnos como nos achegamos nós a elas e a eles», afirmou.

Abrir espazos reais de participación

Nesta liña, sinalou que o encontro nace da necesidade de escoitar máis, acompañar mellor e abrir espazos reais de participación, de xeito que a mocidade non sexa só público, senón tamén protagonista. «Queremos dar un paso adiante e cambiar a perspectiva: pasar de facer cultura para a mocidade a facela con e desde a mocidade», resumiu.

O foro desenvolverase cunha dinámica participativa conducida por Carlota Mosquera, que converterá a xornada nun Parlamento da Mocidade no que mozos e mozas poderán expresar ideas, inquedanzas e propostas en diálogo directo con profesionais e institucións.

Pola súa banda, a alcaldesa de Muros, María Lago, agradeceulle á Deputación da Coruña que contase co municipio para acoller esta xornada e salientou a importancia de implicar á xente nova na vida cultural.

Programación máis atractiva

A rexedora indicou agarda que "desta experiencia saia unha programación cultural máis atractiva para a xente moza e, sobre todo, que teña en conta a súa opinión, que sexan eles e elas quen nos axuden a nós a decidir que actividades se poden programar ao longo do ano», afirmou.

O coordinador das xornada, Roberto Pascual, explicou que este foro está concibido como unha xornada práctica orientada a atender as necesidades dos profesionais do sector, así como cuestións estratéxicas para mellorar o funcionamento da Rede Cultural da Deputación, que dá servizo a 93 concellos e mobiliza máis de dous millóns de euros.

Tracking Pixel Contents